O resumo consiste basicamente na redución do esencial dun texto, apuntando as ideas máis importantes e os aspectos máis relevantes do tema. O seu obxectivo central é facilitarlle ao lector a comprensión do fundamental dun texto. De aí que sexan moi útiles para mellorar a comprensión lectora e a capacidade de síntese.
Características
Conciso: non debe ser superior ao 30% do texto orixinal. Se este ten 15 liñas, o resumo non debe ocupar máis de cinco. Daquela debe ser curto, pero tamén económico no uso que fai da linguaxe: trátase de transmitir as ideas do texto orixinal usando a menor cantidade posible de palabras.
Obxectivo e fiel ao orixinal: debe ser simplemente unha recapitulación do que dixo o autor do texto orixinal. Polo tanto, non se poden engadir comentarios ou análises subxectivas, tampouco datos ou ideas procedentes doutras fontes.
Claro e autónomo: debe ser fácil de comprender sen que sexa preciso ler o texto orixinal.
Completo: ten que conter todas as ideas centrais do texto orixinal e desbotar as secundarias.
Correcto: mesmo se o orixinal está mal redactado ou con erros lingüísticos.
Fases da elaboración
Ler o texto con atención, tantas veces como cumpra, ata entendelo na súa totalidade.
Identificar cales son as ideas principais e as secundarias. Pode ser útil dividilo en parágrafos e identificar o esencial de cada un deles.
Elixir que elementos debemos rexeitar e cales incorporar, mediante o subliñado, notas á marxe ou a elaboración dun esquema.
Redactar o resumo ou escribir un borrador.
Revisar o resumo corrixindo todo o que non pareza axeitado: puntuación, ortografía etc. Mesmo pode ser necesario reescribilo.
Debemos evitar
Expresións innecesarias para comezar como: O texto trata de..., Vou tratar de resumir..., O autor tenta..., O artigo expresa...
Fragmentos e citas do material orixinal. Hai que elaborar un texto novo utilizando palabras propias; o resumo non pode ser un refrito dunhas cantas frases do texto.
Datos accesorios ou pouco relevantes do texto de orixe:
Os exemplos deben omitirse. Tamén as oracións de relativo e os adxectivos innecesarios.
As enumeracións aparecen condensadas mediante o uso de termos xerais que agrupen sucesos varios ou obxectos similares.
Opinións persoais, comentarios ou valoracións subxectivas.
Expresións vagas ou carentes de contido: Non debemos esquecer que..., Cómpre salientar...
Repeticións innecesarias de ideas xa expresadas doutro xeito.
Palabras ambiguas que poidan dar lugar a confusións.
Pautas de estilo
Redactar en terceira persoa, con formas impersoais: trátase de, explícase, analízase, expónse, conclúese...
Usar conectores textuais para dotalo de cohesión.
Evitar mesturar diferentes tempos verbais. Prefírese o presente e a voz pasiva.
Redactar o resumo nun só parágrafo, ou en dous como moito, estruturado en frases completas e curtas, sen excesivas complicacións sintácticas.
A narración
A narración é o relato duns feitos, que poden ser verídicos ou imaxinarios, acontecidos a uns personaxes nun tempo e nun lugar determinados. O principio da acción é o que rexe os textos narrativos: contamos os feitos acontecidos ao longo dun tempo e espazo, de maneira que ao se encadearen uns cos outros logran unha nova significación.
Elementos
O argumento: é a acción que ten lugar. Sempre hai unha acción principal e pode haber accións secundarias. Convén seleccionar que elementos se omiten, mediante elipse, e cales non e se contan máis ou menos minuciosamente. Pode incluír descricións, diálogos, monólogos etc.
O narrador e punto de vista: quen e como conta os feitos. Pode ser:
En terceira persoa:
Narrador omnisciente: coñece todo o que fan, pensan e senten os personaxes.
Narrador testemuña: relata os feitos desde fóra, sen participar na historia. Limítase a recoller os feitos como son, sen xuízos; o mesmo acontece cos personaxes, só os coñecemos polos seus feitos ou polo que din.
En primeira persoa:
Narrador protagonista: conta a súa propia historia.
Narrador personaxe secundario: participa ou é testemuña dos feitos sen ser protagonista.
Os personaxes: levan a cabo a acción. Son o elemento fundamental da narración, o fío condutor dos feitos. Organízanse segundo o seu grao de participación na historia en personaxes principais e secundarios. Segundo como se expoñen as súas voces podemos falar de:
Estilo directo: o narrador reproduce literalmente as palabras dos personaxes, con aspas ou guións.
Estilo indirecto: o que di ou pensa o personaxe inclúese no discurso do narrador.
Estilo indirecto libre: o narrador non reproduce as palabras dos personaxes, pero adopta a súa perspectiva.
O tempo: distínguese entre tempo externo, o tempo histórico en que acontece a historia, e tempo interno, canto dura a acción, que pode ser toda unha vida ou poucos minutos.
O espazo: lugar onde acontece a acción. É o marco xeográfico e social no que ten lugar a historia, que ás veces participa tamén e pode pasar a determinar a acción, influíndo no estado de ánimo dos personaxes ou condicionando os seus actos.
Estrutura
A historia que se narra debe ser comprensible para o lector; por iso adoita seguir unha orde lineal, empeza polo principio e remata polo final. A estrutura máis habitual é:
Introdución: preséntanse os personaxes, o tempo e o lugar no que se sitúa a narración.
Nó: desenvólvense os acontecementos que se presentaron anteriormente. É a parte central.
Desenlace: é a fin da historia, onde se resolven os conflitos propostos no nó.
Porén, a orde tamén pode ser:
Retrospectiva ou flash-back: regrésase ao pasado desde un punto da acción concreto, como nas novelas policiais.
Anticipativa ou flash-forward: adiántanse acontecementos que sucederán máis tarde.
In media res: comeza no momento crucial da acción, movéndose no tempo cara atrás e adiante.
Circular: a acción comeza e remata no mesmo punto.
Trazos lingüísticos
Abundancia de verbos, sobre todo de acción e movemento.
Predominio de oracións enunciativas.
Uso de complementos circunstanciais de tempo e lugar.
Tempos verbais predominantes: presente, pretérito e copretérito.
A exposición
É un tipo de discurso que proporciona unha información dun xeito claro e ordenado para que a persoa receptora a coñeza e a comprenda. Os textos expositivos teñen carácter informativo; a súa finalidade é dar a coñecer, a través da análise ou do resumo, unha serie de feitos ou datos e explicalos e organizalos de maneira que queden claros.
Tipoloxía
O seu emprego é habitual nos ámbitos académico e científico, como libros de texto, enciclopedias, conferencias ou artigos científicos, mais tamén é un xénero discursivo frecuente no ámbito laboral, como informes, proxectos, memorias ou solicitudes, e no social, como reportaxes, artigos xornalísticos, narracións de feitos ou anuncios publicitarios.
Destinatarios
En función das persoas ás que van dirixidos, os textos expositivos poden ser:
Divulgativos: informan sobre un tema de interese xeral a un público que non é especialista.
Especializados: pretenden, ademais de informar, afondar nas causas ou achegar datos moi concretos sobre un asunto que, en xeral, só lle interesa a un público que xa ten coñecementos previos sobre el.
Estrutura
Presentación (10%): nela danse a coñecer o tema, o lugar, os obxectivos etc. Nalgúns casos explícanse tamén os antecedentes da cuestión ou especifícase o punto de vista desde o que se abordará o tema.
Desenvolvemento (80%): é a parte máis extensa; transmítese toda a información, que se organiza en parágrafos. Cada un deles engade unha información. A orde pode ser:
Dedutiva: primeiro a idea principal, que se vai explicando despois.
Indutiva: pártese dos datos particulares para chegar á conclusión, que é a idea principal.
Conclusión ou peche (10%): ao final é frecuente incluír un resumo breve das ideas principais.
Características fundamentais
Orde: o texto expositivo adoita organizarse formalmente cunha división clara en parágrafos e, nos textos longos, con apartados numerados encabezados por epígrafes. O uso de conectores específicos tamén contribúe a esta organización: de orde, adición, contraste, recapitulación, conclusión etc.
Claridade: é frecuente a aparición de:
elementos visuais como esquemas, mapas conceptuais, fotografías, ilustracións ou gráficos;
vocabulario preciso, tecnicismos e cultismos, sen palabras baúl, bordóns nin expresións ambiguas;
preguntas que se poderían ir facendo para que o receptor non perda o fío.
Obxectividade: convén evitar as valoracións persoais. Emprégase:
expresións impersoais con se;
a terceira persoa singular do presente de indicativo;
adxectivos non valorativos, con predominio dos especificativos, só os imprescindibles.
Outras: estes textos adoitan ser complexos ou mixtos. Poden mesturar narración, descrición e argumentación.
A argumentación
A argumentación é a modalidade textual que ten por finalidade demostrar ou defender unha idea baseándose en argumentos que pretenden convencer a quen le ou escoita. Utilízase normalmente para desenvolver temas que se prestan a certa controversia.
Estrutura e organización
Os textos argumentativos constan de tres partes: a presentación ou introdución, o corpo argumentativo e a conclusión.
Presentación ou introdución: dáse a coñecer o tema que se vai tratar e cáptase a atención do lector ou oínte.
Desenvolvemento ou corpo argumentativo: conxunto de razoamentos que apoian e/ou demostran a tese, a opinión que se defende e constitúe o tema do texto.
Conclusión: parte final que contén un resumo do exposto, isto é, a tese e os argumentos principais.
En función de como se organicen as partes anteriores distinguimos tres tipos de estrutura:
Sintetizante: introdución + argumento 1 + argumento 2 + argumento n + tese. É unha orde indutiva; nestes casos a tese coincide coa conclusión.
Analizante: introdución + tese + argumento 1 + argumento 2 + argumento n. É unha orde dedutiva; neste tipo de estrutura a tese enúnciase inmediatamente despois da introdución ou como parte dela.
Enquadrada: presentación do tema + argumento 1 + argumento 2 + argumento n + tese-conclusión.
Tipos de argumentos
Na defensa da tese poden empregarse varios tipos de argumentos. Os máis habituais son:
De sentido común: son as ideas aceptadas pola maioría da xente por moral, principios ou tradición. Exemplo: Evitar os accidentes de tráfico benefícianos a todas as persoas.
De autoridade: empregan o testemuño de persoas consideradas coñecedoras do tema; poden ser autores/as ou obras. Exemplo: Unha importante porcentaxe das vítimas que sobreviviron a graves accidentes coincide ao sinalar a posibilidade de evitalos se se circulase a menor velocidade.
De datos: ofrecen datos que corroboran os feitos. Exemplo: Segundo un estudo realizado recentemente, producíronse un 70% máis de accidentes se as condicións climáticas son desfavorables.
De exemplo: un caso concreto serve como exemplo das ideas que se queren defender. Exemplo: Un claro exemplo constitúeo o accidente acontecido en Vila de Cruces o mes pasado. Se a estrada non estivese mollada e se mantivese a distancia de seguridade, podería evitarse o impacto.
De experiencia persoal: empregan as propias vivencias ou experiencias para apoiar unha idea. Este tipo de argumentación dálle orixinalidade ao comentario, pero non é suficiente por si soa nin debe abusarse dela, caendo no anecdótico. Exemplo: Eu mesma me teño visto envolta en máis dunha ocasión en accidentes deste tipo.
De analoxía: compáranse dúas situacións semellantes. Exemplo: No mes de agosto deste ano producíronse 67 accidentes menos ca o ano pasado.
Legais: acódese ao establecido na lexislación. Exemplo: Segundo as leis vixentes é obrigatorio o uso do cinto de seguridade nos asentos traseiros.
Postura adoptada
A postura adoptada nun texto argumentativo pode ser:
positiva a favor da tese;
negativa contra a tese;
ecléctica a favor duns aspectos e contra outros.
Características lingüísticas dos textos argumentativos
Nivel
Características
Léxico
Abundancia de substantivos abstractos para conferir universalidade.
Léxico
Aparición de tecnicismos.
Morfosintáctico
Predominio do presente de indicativo e de construcións impersoais ou de pasiva reflexa.
Morfosintáctico
Períodos sintácticos longos que permiten un mellor desenvolvemento dos razoamentos.
Morfosintáctico
Emprego de conectores, sobre todo exemplificadores, causais, consecutivos e conclusivos.
Textual
Enumeracións para reforzar ou enfatizar unha idea.
Textual
Definicións, citas e exemplos que apoien os argumentos.
Exemplos de textos argumentativos
A argumentación emprégase nunha gran variedade de textos, sobre todo nos científicos, filosóficos, ensaios, oratoria política e xudicial, textos xornalísticos, como artigos de opinión ou cartas ao director, e nalgunhas mensaxes publicitarias. Na lingua oral aparece con frecuencia nas conversas cotiás, cando hai debate entre persoas con diferente punto de vista, e noutras situacións como entrevistas laborais. Con algo máis de rigor, é o discurso dominante nos debates, coloquios ou mesas redondas.
O artigo de opinión
O artigo de opinión é un texto, xeralmente curto, no que un autor analiza e interpreta un feito ou unha circunstancia da realidade que xulga de interese, facendo unha análise coidadosa e de interpretación persoal, emitindo unha opinión ou xuízo valorativo respecto diso. O artigo de opinión vai asinado e representa a opinión particular do seu autor.
Características
Brevidade: en xeral é un escrito curto no que un especialista, ou unha persoa cuxa relevancia intelectual é ben recoñecida, expresa o seu punto de vista particular con respecto a unha cuestión, que pode ser de grande actualidade ou non.
Opinión persoal do autor: vai asinado e representa a opinión particular do seu autor. Ese autor pode ser parte do cadro de persoal do xornal ou dunha bitácora, ou pode ser convidado a contribuír ocasionalmente para ese medio.
Diversidade temática: os temas tratados son moi diversos e os redactores gozan de gran liberdade expresiva para abordalos como desexan.
Ton e rexistro: depende do criterio persoal da autora ou autor. En xeral, non adoitan presentar un ton académico e, dependendo do tema, poden ter un ton distendido e rexistro coloquial ou un ton máis serio e un rexistro neutro.
Título atractivo e orixinal: é necesario que teña un título orixinal, atractivo, e non máis de dúas ideas centrais identificables, para presentarse como unha sólida unidade de sentido.
Subxectividade: reflicte o pensamento e o criterio propio dun individuo.
Reflexión: a súa finalidade é abrir o debate, mover á reflexión, brindar unha mirada crítica e persoal sobre calquera aspecto da realidade humana.
Semellanza co ensaio: pola súa intención divulgativa e o seu estilo literario.
Linguaxe clara: en xeral o autor procura ser claro para chegar a todo o público e que o seu traballo teña a máxima repercusión. Á vez, buscan ser amenos e orixinais.
Estrutura
Aínda que non existen normas ríxidas, adoita seguir esta orde:
Nome ou pseudónimo do autor/a, ou anónimo.
Título: debe ser breve, pero con información suficiente sobre o texto, para captar a atención do lector sen esaxeracións, e informar sobre o contido do texto.
Introdución: normalmente o primeiro parágrafo. Adoita ser un fragmento de carácter explicativo-expositivo para poñer ao lector en tema. Pode tratar diferentes cuestións: introducir de que trata o texto, falar da súa orixe nunha lectura ou noticia, dar un indicio de como se tratará o tema ou introducir unha opinión ou comentario.
Desenvolvemento: é a parte máis forte do artigo de opinión, xa que é alí onde o autor manifesta a súa opinión e argumenta por que sostén ese punto de vista, de aí que normalmente siga a estrutura dos textos argumentativos: orde indutiva ou dedutiva, postura a favor ou en contra.
Conclusión: o artigo non pode perder conclusión. Se segue unha orde dedutiva, a tese é a conclusión. Se segue unha orde indutiva, péchase recordando a tese. Tamén se pode pechar doutras maneiras: suxerindo outros aspectos do tema que se poderían considerar, cunha interrogación retórica e aberta etc.
Características lingüísticas
O texto debe estar dividido en parágrafos non moi longos.
A lingua debe ser directa, sen adornos innecesarios e efectiva; trátase de expresar moito nun texto breve.
A lingua debe ser correcta e o léxico preciso.
Exemplos
Á parte dos artigos de opinión de revistas e xornais, tamén entrarían nesta categoría as entradas ou artigos dunha bitácora.
Os artigos para presentar un tema de debate nun foro son moi semellantes. A diferenza é que neste caso se lles pide ás persoas participantes do foro que interveñan e contesten o escrito ou que dean a súa opinión. Precisamente, pedir a intervención dos foreiros e foreiras pode ser o peche do documento.
Recursos para argumentar e organizar o texto
Recursos xerais para argumentar
Recursos para argumentar
Función
Recursos
Observacións e exemplos
Expresar causa
porque, posto que, xa que, dado que, visto que, como, pois, por causa de que, por mor de que
Como non había acordo, adiouse a decisión. Non asistiu porque estaba enfermo.
Expresar consecuencia
polo tanto, por tanto, daquela, en consecuencia, por iso, así que, de xeito que, polo que, entón, por conseguinte
Os datos son insuficientes; polo tanto, cómpre revisar a hipótese.
Opinar
a min dáme a impresión de que + indicativo; eu penso / creo / coido que + indicativo; na miña opinión; desde o meu punto de vista; baixo o meu punto de vista; polo que a min respecta
Eu coido que a proposta é viábel. Na forma negativa adoita empregarse subxuntivo: Non creo que sexa suficiente.
Amosar dúbida ou probabilidade
seguramente, probabelmente, é probable que, pode ser que, poida que, se cadra, ao mellor, non sei se, non estou moi seguro/a de que
É probable que haxa cambios. Se cadra convén agardar.
Contradicir ou matizar
pero, mais, porén, con todo, aínda que, a pesar diso, malia iso, pola contra, en cambio, agora ben, por outra banda, debemos ter en conta outros factores
A medida é necesaria; con todo, debe aplicarse con prudencia.
Retomar un asunto
volvendo ao que dicía antes, como dicía, como estaba a dicir, retomando a cuestión anterior, en relación co dito
Útiles para recuperar o fío argumentativo despois dunha digresión.
Engadir información
ademais, tamén, así mesmo, igualmente, á súa vez, máis aínda, do mesmo xeito, neste sentido
Ademais, cómpre considerar o impacto social da medida.
Insistir nun argumento
mesmo, incluso, ata, tamén, e ademais, máis aínda, cómpre insistir en que, hai que subliñar que
Máis aínda, os resultados confirman a tendencia inicial.
Resumir ou concluír
en poucas palabras, en dúas palabras, en resumo, en síntese, resumindo, para rematar, finalmente, por último, en conclusión, en definitiva
En conclusión, a proposta é necesaria mais require melloras.
Enfatizar
é evidente que, é certo que, é obvio que, é innegábel que, está ben claro que, hai que insistir en que, convén non esquecer que, cómpre subliñar / salientar / ter en conta / ter presente que
Cómpre salientar que esta solución non resolve todos os problemas.
Enumerar
en primeiro lugar, en segundo lugar, por unha banda, por outra banda, por último, finalmente
Permiten organizar unha argumentación en partes claras.
Para ordenar as partes do texto
Ordenación do discurso
Inicio
Continuación
Final
para comezar antes de nada en primeiro lugar de entrada por unha banda inicialmente
en segundo lugar despois seguidamente a continuación por outra banda ademais
en fin por fin por último finalmente en definitiva para rematar
Para distinguir, introducir ou recuperar ideas
Organización interna das ideas
Función
Recursos
Distinguir entre dúas ideas
por un lado / polo outro; por unha banda / por outra banda; por unha parte / por outra parte; mentres que; en cambio; pola contra.
Presentar un novo aspecto
polo que respecta a; a propósito de; por certo; con referencia a; no que concirne a; con respecto a; polo que se refire a; en canto a; tocante a.
Recuperar o fío do texto
volvendo ao que dicía antes; como dicía; como estaba a dicir; retomando a cuestión; en relación co anterior; pois ben.
Reformular, explicar ou insistir
Algúns conectores serven para explicar con outras palabras unha idea xa exposta, engadir unha precisión ou reforzar un argumento.
Reformulación e insistencia
Función
Recursos
Explicar ou reformular
é dicir; isto é; noutras palabras; quero dicir; mellor dito; dito doutro xeito; ou sexa.
Engadir ou reforzar
ademais; así mesmo; tamén; igualmente; á súa vez; incluso; mesmo; ata; máis aínda.
Orientar a interpretación
tal como; neste sentido; pois ben; o caso é que; entón; en realidade; de feito.
Oposición, causa, consecuencia e exemplificación
Relacións lóxicas entre ideas
Relación
Conectores
Exemplo
Oposición
pero, mais, en cambio, con todo, agora ben, pola contra, senón, porén, non obstante, aínda así
É unha boa idea; porén, require máis tempo.
Causa
como, porque, xa que, visto que, dado que, posto que, pois
Dado que non hai acordo, adiaremos a votación.
Consecuencia
así que, de xeito que, polo que, en consecuencia, por iso, polo tanto, por tanto, daquela, por conseguinte
Non presentou a documentación; por iso, quedou fóra do proceso.
Exemplificación
por exemplo, como mostra, poñamos por caso, sen ir máis lonxe, en concreto, nomeadamente
Hai medidas urxentes; por exemplo, reducir o consumo enerxético.
Punto de vista e certeza
Punto de vista, certeza e grao de seguridade
Función
Recursos
Expresar o punto de vista
na miña opinión; polo que a min respecta; desde o meu punto de vista; baixo o meu punto de vista; ao meu ver; ao meu entender; eu penso que; eu coido que; eu creo que.
Manifestar certeza
é evidente que; é indubidábel que; todo o mundo sabe que; ninguén pode ignorar que; en xeral; de feito; en realidade; está claro que; é innegábel que; non cabe dúbida de que.
Atenuar a afirmación
parece que; semella que; podería dicirse que; talvez; quizais; probabelmente; non estou moi seguro/a de que; é posible que; poida que.
Para concluír ou resumir
Conclusión e resumo
Función
Recursos
Resumir
en resumo; en síntese; resumindo; en poucas palabras; en dúas palabras; dito brevemente.
Concluír
en conclusión; en definitiva; para rematar; finalmente; por último; en fin.
Pechar cunha valoración
por todo o dito; á vista do anterior; tendo en conta estes argumentos; por estas razóns; cómpre concluír que.
Esquema final
Función
Recursos básicos
Iniciar
para comezar, antes de nada, en primeiro lugar
Continuar
a continuación, seguidamente, en segundo lugar
Engadir
ademais, tamén, así mesmo, máis aínda
Reformular
é dicir, isto é, noutras palabras, quero dicir
Contrapor
pero, porén, con todo, pola contra, en cambio
Causar
porque, xa que, posto que, dado que
Consecuenciar
polo tanto, por iso, daquela, en consecuencia
Exemplificar
por exemplo, poñamos por caso, sen ir máis lonxe
Opinar
na miña opinión, eu coido que, desde o meu punto de vista
Concluír
en resumo, en conclusión, en definitiva, para rematar
O correo electrónico
A redacción dunha mensaxe de correo electrónico non implica as esixencias de formalidade dunha carta, porén debe ser clara dabondo e cumprir unhas condicións formais mínimas.
Cabeceira
Escribe o enderezo de correo electrónico da persoa destinataria no campo Para e o teu enderezo electrónico no campo De.
Non hai que poñer data porque aparece automaticamente, incluída a hora; tampouco se pon lugar.
Para a simulación de redacción de correos electrónicos nos exames utilízase un cadro coma este:
Campo
Contido
De
Para
Asunto
Asunto
O campo Asunto é moi importante. Debe indicar con información precisa para que o receptor saiba a que se refire. Moitos correos electrónicos van directamente ao lixo porque o seu emisor non soubo redactar o asunto.
Nunca deixes o asunto en branco nin cun simple RW.
Fuxe de asuntos como: Olaaa!, Información, Consulta, Pregunta, Resposta...
Prefire títulos como: Información sobre casa de turismo rural en Pontevedra, Consulta sobre o emprego de director xeral...
Corpo da mensaxe
Parte
Contido
Saúdo inicial
Escolle un saúdo dependendo da formalidade do correo e da relación que manteñas coa persoa destinataria. Cun descoñecido o saúdo pode ser máis formal: Estimada Sra., Estimado Sr. Veiga... Un superior ou alguén a quen se trata a miúdo pode saudarse con: Bo día, Manuel ou Boas tardes, Sra. Antía. Se o correo é informal pódense empregar saúdos como: Ola, Como andas?, Como che vai?
Introdución
Presentación: se o correo vai dirixido a alguén que non coñeces, debes antes de nada presentarte ben co teu nome completo, cargo e ocupación no caso de ser un correo formal. Só co teu nome e algo máis se se trata dun correo informal, para que o destinatario poida saber quen es. Contextualización: enunciación breve e clara do motivo do correo. Anticipación do contido.
Desenvolvemento
Exposición do asunto de que se trata de forma concisa e organizada.
Conclusión
Se é o caso, pode ser unha solicitude, petición ou ofrecemento.
Despedida
Fórmula de agradecemento: Espero a súa resposta, Grazas polo seu interese... Despedida cordial, máis ou menos formal: Atentamente, Saúdos, Ata loguiño...
Sinatura
Nos correos formais: nome e apelidos, e cargo se procede. Nos correos informais abonda con poñer o nome ou mesmo non asinalo.
Estilo dos correos electrónicos
Brevidade, precisión e claridade: o normal é que os correos sexan curtos e a lingua empregada debe ser moi clara, pois cómpre que se entenda cunha única lectura.
Boa redacción e ortografía: como calquera documento, debe revisarse antes de envialo para corrixir os erros. Lembra: un correo non é un chat; emprega todas as palabras completas.
Nos correos formais sé respectuoso, especialmente se non coñeces a persoa a quen vai dirixido o correo ou tes pouca confianza con ela.
Nos correos formais, os parágrafos deben ir separados por un espazo.
A carta
A carta é un medio de comunicación por escrito que utilizan as persoas para poñerse en contacto unhas con outras. A persoa que escribe a carta é o remitente e a persoa que a recibe é o destinatario.
Consellos xerais de redacción
Deixar marxes, á dereita e á esquerda, superior e inferior, mesmo se a carta está escrita á man.
Coidar a presentación. Evitar borranchos.
Deixar separación entre parágrafos, unha liña, sobre todo nas cartas formais.
Evitar repeticións innecesarias usando mecanismos de cohesión adecuados: substituír por sinónimos, facer referencia a algo xa citado mediante deícticos, como el, isto, este, aquí, alá, ou realizar elipses.
Evitar incoherencias no tratamento: non cambiar do tratamento de ti ao de vostede ou viceversa.
Manter o rexistro apropiado.
Usar conectores ou outros mecanismos de cohesión que ordenen, organicen e estruturen o contido da carta.
A carta informal
A carta informal, polo xeral, diríxese a unha persoa destinataria coñecida e coa que se ten confianza: amizades, familiares... Nela transmítense acontecementos, pensamentos e sentimentos.
Dependendo da confianza e do tipo de relación que se teña coa persoa ou persoas ás que vai dirixida a carta, utilizarase unha linguaxe máis ou menos coloquial, aínda que en xeral é unha linguaxe informal e próxima, sen frases rebuscadas.
Estrutura
A estrutura, en xeral, é máis flexible ca a da carta formal.
a) Cabeceira
Nome do destinatario á dereita, opcional. Tamén se pode incluír o enderezo se se quere.
Lugar e data.
Saúdo familiar seguido de coma ou dous puntos. Tras o saúdo pásase á liña seguinte e comezase con maiúscula. Exemplos: Ola, Manel!, Querida tía, Miña raíña!
b) Corpo
Introdución: trátase de contextualizar, presentar o motivo da carta e facer referencias ás persoas. Comeza a escribirse sempre con maiúscula. Se escribimos á man debemos sangrar a liña; se é escrita no ordenador debemos deixar dobre espazo.
Desenvolvemento: nas cartas persoais, quen escribe goza de total liberdade estrutural para transmitir información tanto descritiva como narrativa ou argumentativa.
Conclusión: despréndese do escrito.
c) Peche
Despedida: no mesmo ton que o saúdo. Debe aparecer sempre. Exemplos: Ata logo, Unha aperta, Biquiños e vémonos, Ata que nos vexamos...
Sinatura: consta só de rúbrica e debe ir sempre á man.
P.D. ou P.S.: para engadir algo que nos esqueceu.
A carta formal
Unha carta formal é un tipo de escrito entre dúas persoas que non se coñecen, ou nas que o tema que se vai tratar obriga a utilizar a linguaxe formal. En xeral, é unha carta máis breve ca a informal, porque quen escribe pretende ser concreto no que di, e tamén cunha estrutura máis ríxida. Por carta formal enténdese todo tipo de correspondencia de ámbito profesional, laboral, administrativo ou institucional.
Estrutura
a) Cabeceira
Nome do remitente e enderezo completo, teléfono, enderezo electrónico. Vai á esquerda. Se o remitente ten papel con membrete, escúsase poñelo.
Nome do destinatario, que pode incluír o cargo, e enderezo completo. Vai á dereita e, se o sobre ten ventá, haberá que centrar.
Lugar optativo, porque xa figura no enderezo do remitente, e data: día, mes e ano. Tamén pode ir ao final da carta, despois da sinatura, con nome, rúbrica e cargo.
Número de referencia, se o houber.
Asunto, apartado optativo.
Saúdo formal, seguido de coma ou dous puntos. Pásase á liña seguinte. Exemplos: Señor/a, Sr. Martínez, Prezada señora, Estimado cliente, Distinguida señora... É moi habitual utilizar simplemente o termo Señor ou Señora, que non se debe abreviar. Cómpre ter en conta o destinatario e poñer o saúdo en feminino cando nos diriximos a unha señora. Se non sabemos exactamente a quen se dirixe, utilizaremos os dous xéneros.
b) Corpo
Introdución: contextualízase o motivo da carta: porque se viu un anuncio, como resposta a outra carta, para agradecer, para se queixar etc. Comeza sempre con maiúscula.
Desenvolvemento: exposición argumentada do asunto de que se trate.
Conclusión: segundo o caso, pode ser unha solicitude, un ofrecemento etc.
c) Peche
Despedida: no mesmo ton que o saúdo. Debe aparecer sempre. Exemplos: Un cordial saúdo, Saúdo atentamente, Atentamente, Un saúdo...
Sinatura: consta de rúbrica, sempre á man, debaixo o nome completo do remitente e, por último, se é pertinente, convén poñer o cargo que exerce na empresa. Pode ir acompañada do cuño ou selo da empresa ou entidade que envía a carta.
Lugar optativo e data se non se puxeron na cabeceira.
P.D. ou P.S.: se se quere aclarar algún aspecto ou engadir algo máis.
Anexos: relación de documentos que se presentan coa carta: currículo, certificados etc.
Carta ao director dun xornal
Elemento
Contido
Datos do remitente
Á esquerda. Datos identificativos de quen escribe: nome, apelidos, enderezo completo, número de DNI e número de teléfono.
Datos da publicación
Á dereita. Nome da publicación, enderezo optativo e sección á que vai dirixida a carta.
Lugar e data
Lugar desde o que se escribe e data.
Saúdo
Sempre formal.
Introdución
Contextualización: son un lector/a, acabo de ler/ver/coñecer... hai un asunto que me...
Desenvolvemento
Exposición razoada do que se desexa comunicar, con orde dedutiva ou indutiva.
Conclusión
Pode ser unha petición, unha proposta ou unha queixa.
Peche
Despedida mediante unha fórmula de cortesía. Sinatura, que pode ir acompañada do nome completo da persoa e o seu cargo, se é relevante.
A carta de reclamación
A carta de reclamación é aquela que se lle envía a unha empresa ou institución para manifestar o noso descontento cun servizo ou produto: reclamar o mal funcionamento ou incumprimento dun servizo, a falsidade na enunciación dalgunha das características do produto adquirido etc.
Nestas cartas, aínda que a mensaxe é negativa, non debemos amosarnos agresivos ou ameazantes. Debe estar redactada cun estilo cortés, pero tamén firme e categórico, pois non se trata dunha carta de saúdo. En realidade, é unha variante da carta formal; o único que varía é o contido.
Estrutura
a) Cabeceira
A mesma ca na carta formal:
Nome do remitente e enderezo completo, teléfono, enderezo electrónico.
Nome da empresa ou institución e da persoa á que vai dirixida a reclamación.
Lugar optativo e data: día, mes e ano. Tamén pode ir ao final, despois da sinatura.
Número de referencia, se o houber.
Asunto, apartado optativo.
Saúdo formal, seguido de coma ou dous puntos. Exemplos: Meu señor, Sr. Martínez, Prezada señora, Estimado cliente, Distinguida señora...
b) Corpo
Exposición do problema ou motivo da reclamación, por orde e con claridade.
Accións previas de reclamación: oral, por teléfono etc., que tiveron éxito.
Solicitude: que se solicita. Pode ser o cumprimento dun contrato, o cambio ou reparación dunha mercadoría, unha compensación económica, a devolución de custos etc.
Prazo no que se espera resposta: no prazo de 20 días, coa maior brevidade...
Medidas que se tomarán no caso de non se atender a reclamación: acudir aos tribunais, ás asociacións de consumidores etc.
c) Peche
A mesma ca na carta formal:
Despedida cortés pero firme: Atentamente, Sen outro particular...
Sinatura, sempre á man, e nome completo.
Lugar e data, se non se incluíu na cabeceira.
P.D. ou P.S., se se quere aclarar algún aspecto ou engadir algo máis.
Anexos: relación de documentos que se presentan coa carta, como copia do contrato, copia do folleto informativo etc.
Lembra: claridade, brevidade, firmeza e corrección son a clave dunha boa carta de reclamación.
A carta de recomendación
É unha carta formal e breve que se escribe para acompañar o currículo doutra persoa. Utilízase para presentar unha persoa coñecida da que podemos proporcionar unha información, normalmente relacionada co ámbito laboral, que non está no seu currículo ou ben para completar o currículo ou salientar algún dos seus aspectos: vida laboral pasada, calidades humanas etc. A súa información sempre é positiva.
Comparte as características das cartas formais, como cabeceira, data, saúdo e despedida, aínda que podemos destacar os seguintes aspectos do contido:
Identificación da persoa que recomenda, que xa debe aparecer na cabeceira da carta con enderezo e cargo, e da persoa recomendada.
Contextualización na introdución: a que posto opta na súa empresa etc.
Relación laboral do/a autor/a da carta coa persoa recomendada: cando, onde etc.
Ofrecer unha serie de características positivas laborais e, se é o caso, de actitude da persoa recomendada.
Frase final de apoio que debe destacar o interesante que pode ser a persoa recomendada para a nova empresa.
Ausencia de anexos: aínda que acompaña un currículo, non leva anexos; é un documento máis que se engade á documentación que se envía.
A carta de presentación
Ao igual que a carta de recomendación, é unha carta formal e breve que acompaña un currículo, pero esta está escrita pola propia persoa que solicita emprego.
O obxectivo desta carta é dobre: por un lado, pretende suscitar o interese do ou da posible empregadora, para conseguir que lea o currículo con interese; e, por outro, salienta os datos específicos do currículo que xustifican que a persoa solicitante é a ideal para o posto.
Pode cumprir dúas funcións:
Resposta a unha oferta de traballo publicada na prensa, nun taboleiro de anuncios ou nun portal de emprego. Debe facer referencia ao anuncio na introdución. O propio anuncio indica a quen debe dirixirse.
Envío espontáneo a unha empresa sen que esta ofrecese traballo. Debe explicarse por que se ten interese pola empresa, de que modo se colaborará coa empresa e pedir que se teña en conta a candidatura á hora de contratar persoal.
Vai dirixida a algunha persoa cun cargo na dirección da empresa: director/a xeral, xefe/a de recursos humanos etc.
A carta comercial
É aquela que se dirixen as empresas entre si, os particulares ás empresas ou viceversa, para trataren asuntos de carácter comercial ou mercantil. É o medio máis xeneralizado de comunicación entre os comerciantes. En moitos casos, aínda que a información se realice por outros medios, cumpre a función de deixar constancia do acordado.
Na actualidade este tipo de cartas abandonou o seu formato tradicional en papel para converterse nunha carta presentada vía correo electrónico.
Tipos de cartas comerciais segundo o seu contido
Cartas de oferta de produtos ou servizos.
Cartas de pedimento de información ou de produtos.
Cartas de aviso de envío dun pedimento.
Cartas de relacións persoais e institucionais: carta de invitación a unha inauguración, a un evento ou a unha reunión; carta de resposta afirmativa ou negativa a unha invitación; carta de pésame; carta de parabéns por un nomeamento, por un ascenso ou por un acontecemento na empresa.
Cartas de relacións laborais: carta de demanda de emprego, carta de aceptación ou rexeitamento dun emprego, carta de despedimento, carta de concesión ou denegación dun emprego.
Estrutura
A mesma das cartas formais.
Características lingüísticas
A lingua destas cartas debe ser práctica e adaptarse aos seguintes principios:
Sinxeleza e naturalidade na expresión, evitando manifestar superioridade ou servilismo.
Coherencia léxica no escrito, de xeito que non se produzan incongruencias, que frecuentemente son produto do uso de fórmulas sen pensar realmente no seu significado.
Coherencia gramatical entre posesivos, pronomes persoais e verbos que se refiren á persoa destinataria. Se nos diriximos a ela coa fórmula de respecto señora, señor ou vostede, todos os pronomes persoais, posesivos e verbos deben estar en terceira persoa.
Lembra
Unha carta comercial é diferente dunha persoal. A linguaxe debe ser práctica e convencional.
A redacción ten que ser clara e precisa. Tamén debe ser obxectiva, pero non impersoal. É preferible: recibimos, enviámoslle ca recibiuse, enviouselle.
Procura concisión e brevidade: os parágrafos curtos e coas ideas ben ordenadas.
Evita redundancias, circunloquios e palabras baleiras.
Coida a presentación: xustifica o texto, deixa marxes amplas, separa os parágrafos cunha liña en branco e evita borranchos.
Exemplos de tarefas escritas
Correo electrónico formal (cultura)
A vostede interésalle moito a arte e a cultura galega en xeral. Pensaba ir ver o Museo de LuísSeoane na cidade da Coruña, pero leu esta opinión en Internet.
image-20260522102952503
Escríballe un correo electrónico formal ao concelleiro responsábel (turismo?) no Concello daCoruña interesándose por este asunto.
Ten que tratar obrigatoriamente (na orde que considere oportuna) os puntos seguintes:
Exprese o seu interese na obra de Seoane e a importancia da súa obra para a cultura galega.
Manifeste as súas queixas pola situación actual do museo.
N.º de palabras: mínimo 120 - máximo 150
O texto deberá respectar o número de palabras requirido.
Debe tratar todos os puntos indicados.
Non esqueza poñer os datos de identificación propios deste tipo de texto.
O meu nome é Xan de Ninguén, residente en Vigo e apaixonado pola arte galega; especialmente pola obra de Luís Seoane, cuxo legado artístico é fulcral para compredermos a identidade cultural galega no século XX.
Motivado por este interese, estaba a planificar unha viaxe á Coruña para apreciar in situ as creacións do meu admirado artista cando, por mor de diversas valoracións en Internet, decidín adiar a visita. Segundo os comentarios, a exposición permanente do museo da Fundación Luís Seoane, so responsabilidade da súa concellaría, non inclúe a obra do polifacético artista de quen a institución toma o nome. Por iso, quero manifestar a miña inquedanza ante semellante desleixo coa memoria de tan destacado autor.
Se me permite a suxestión, encoráxoo a consultar co seu homólogo da corporación municipal viguesa, partícipe da xestión e exhibición da colección permanente na Fundación Laxeiro, para compartiren experiencias, pois considero que é un caso de éxito extrapolable a outras cidades e artistas galegos.
Agradezo a atención prestada. Reciba un cordial saúdo.
Antes de nada, quero presentarme: son Farruco Citano, cidadán da Coruña. Diríxome a vostede despois de ler en Internet que non se encontran as obras do pintor na Fundación homónima.
Co gallo de recibir nas vindeiras datas festivas a visita de parentes da Arxentina, tiña a intención de lles mostrar a obra deste benquerido artista, para así poder difundir o sobresaínte papel dentro da nosa cultura que tivo este persoeiro no pasado século.
Porén, resulta realmente complexo realizar calquera labor de divulgación crible cando nin no seu propio museo se lle está a dar un trato acorde á súa relevancia como artista. Cómpre deixarmos a un lado ás desculpas e poñerlle solución a este desleixo canto antes.
Un saúdo,
Farruco.
Correo electrónico formal (clima e medio natural)
Vostede ten moito interese na biodiversidade e na conservación da natureza galega polo
que consulta a miúdo a revista da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) na que descobre o seguinte artigo:
A introdución de flora e fauna exótica e invasora é un fenómeno en alarmante proceso de expansión en Galiza, con especial incidencia nos ecosistemas fluviais, onde até a data non se ten actuado para reverter esta situación, agás algúns casos con incidencia local e puntual. Os graves e variados efectos que poden ocasionar estas especies sobre a biodiversidade nativa permanecen maiormente sen estudar, aínda que xa se pode asegurar que a resolución da súa problemática necesitará nos próximos anos altas sumas de diñeiro., sobre todo tendo en conta que administración autonómica parece que claudicou na loita contra estas especies invasoras.
Fonte: Adega cadernos
Despois de o ler, decide enviarlle ao conselleiro de Medio Ambiente unha mensaxe electrónica sobre o tema.
Ten que tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Argumente sobre a necesidade de reaccionar ante esta problemática.
Especule sobre o futuro dos ecosistemas naturais galegos en relación coas especies invasoras.
Número de palabras: mínimo 120 - máximo 150
Ten que tratar todos os puntos da tarefa.
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo no exame.
Non esqueza incluír o formato propio deste tipo de texto.
asunto: os nosos ecosistemas precisan actuacións urxentes
Estimado Sr. conselleiro:
O meu nome é Xan de Ninguén e escribo este correo, en calidade de cidadán apixonado polo ecoloxismo, para lle manifestar a grande inquedanza que xerou en min o último número da revista ADEGA.
Tal e como se describe no artigo, o futuro da variedade anima e vexetal propia esá en risco por causa das especies invasoras. A invasión exótica agride a todos os ecosistemas sendo os nosos ríos os máis afectados. Debido ao desleixo que ten amosado a administación, aínda descoñecemos a potencia desta ameaza. No entanto, a súa concellaría pode reconducir esta situación orzamentando as partidas necesarias para investigación e recuperación da biodiversidade.
Malia que os estamentos políticos teñen que liderar a recuperación, salvarmos as especies coas que cohabitamos desde hai milleiros de anos é un labor de toda a sociedade. Debemos actuar xa para evitarmos a substitución da flora e fauna prevista nas próximas décadas no caso de non actuarmos a tempo.
asunto: Preocupación pola expansión das especies invasoras
Prezado Sr. conselleiro,
Póñome en contacto con vostede co gallo de trasladarlle a miña preocupación verbo da expansión das especies invasoras nos ecosistemas naturais galegos. Recentemente tiven ocasión de ler un artigo publicado por ADEGA no que se dá conta do grave impacto que esta problemática pode provocar sobre a biodiversidade autóctona.
Cómpre salientarmos que, de non se adoptaren medidas acaídas á maior brevidade posible, moitos ecosistemas poderían verse seriamente afectados nos próximos anos. Alén diso, semella evidente que o desleixo institucional fronte a esta cuestión acabou por agravar unha situación xa de seu preocupante.
Baixo o meu punto de vista, a administración debería actuar a prol de protexermos a flora e fauna nativas mediante campañas de prevención, control e sensibilización ambiental. De persistir esta tendencia, non sería estraño que determinadas especies autóctonas acabasen por desaparecer en certas zonas de Galiza.
Sen outro particular, e agradecendo de antemán a súa atención, quedo á espera da súa resposta.
Son Citano da Citania, e escribo este correo para expor a fonda preocupación do espallamento das especies invasoras na nosaa terra, non só desde unha perspectiva individual, senón tamén colectiva, pois non somos poucos os cidadáns que consideramos este un tema relevanete.
Así pois, revistas coma a da asociación ADEGA pon de manifesto que estamos ante un grave problema que está xa a castigar severamente o noso ecosistema. Levamos, xa que logo, anos convivindo con velutinas ou eucaliptos, sen decatármonos das consecuencias que neste úlimo caso presentan as especies exóxenas nos incendios que asolagan o noso territorio ano tras ano.
É por isto que non comprendo ata onde queremos chegar sen tomar medidas reais que poñan cancelas a esta invasión: imos agardar a que desaparezan especies con centos de anos de historia na nosa terra? Queremos perder esta parte da nosa riqueza? Estamos a tempo, mais cómpre actuarmos coa maior brevidade posible.
Son Xan de Ninguén, veciño da parroquia de Ningures, na comarca do Ulla. Escribo esta mensaxe para lles manifestar o meu apoio na campaña que están a promover contra a gandaría intensiva.
Na miña comarca, antano berce de modestas explotacións gandeiras extensivas, obsérvase hogano como a ameaza da gandaría industrial está a pairar sobre as nosas leiras, ríos e vales. No entanto, a diferenza do acaecido no Porriño que foi publicado está semana, onde non se albisca solución, acho que no Ulla estamos a tempo de determos a ameaza.
Por esa razón, convido as súas asociacións a participar nas manifestacións previstas para o próximo mes. As protestas teñen como fin concienciarmos a cidadanía e as administracións da necesidade de mantermos un modelo sustentábel, cunha xestión de refugallos respectuosa, que non empregue como colector do lixo o noso ben máis prezado: a natureza.
Agradezo a atención prestada.
Moitos azos na loita,
Xan
Artigo de opinión (identidade persoal)
El están os adolescentes en perigo?
A adolescencia é unha etapa complexa de seu. Historicamente, as faixas etarias adultas teñen cuestionado os hábitos da mocidade. No entanto, hogano presenciamos tempos confusos, tanto para as camadas máis novas da sociedade como para as máis vellas. Por isto, cómpre reflexionarmos sobre a situación actual, e futura, da xente nvoa.
Na construción identitaria dos adolescentes, a chave das noces foron, son e serán os referentes. Tradicionalmente, as persoas de referencia eran as figuras maternas e paternas, familiares, a veciñanza e as amizades. Era un círculo de influencia próximo, de confianza. Porén, ao progresaren os avances tecnolóxicos este círculo mudou o raio de influencia até o límite do planeta.
Na actualidade, os referentes para a adolescencia atópanse nas redes sociais. A novidade é que as persoas máis achegadas deixaron de ter influencia en prol deinfluentes de sona dun mundo virtual. Polo tanto, perdemos o control, supoñendo que o tivemos nalgún momento, sobre o que está condicionando a personalidade da mocidade. E non só iso, se callar, algún deses referentes é unha personaxe virtual creada por IA en troques dunha persoa real.
A evolución tecnolóxica vai acentuar esta situación, dotando de maior relevancia as relacións virtuais. Con todo, non debemos tolear. Confiarmos nos adolescentes é o camiño a seguir. Se gregos ou romanos, entre outros, dubidaron no seu momento da xuventude e, aínda así, a sociedade progresou, talvezdesta volta os adolescentes continúen encontrando referentes positivos... ou non.
Artigo de opinión (política)
Exemplo 1
Goberno progresista ou reaccionario?
O Goberno español, autoproclamado como o máis progresista da historia, anunciou a prohibición do acceso ás redes sociais ás persoas menores de 16 anos. A teor dodevandito comunicado, agromaron incontables debates sen abordaren a cerna da cuestión: é unha solución progresista?
Por unha banda, cómpre aclarar que a tecnoloxía é neutra de seu. A percepción da sociedade, quer positiva, quer negativa, sobre unha ferramenta é determinada pola utilización da mesma. As plataformas dixitais non son unha excepción. Con todo, para un aproveitamento de todo o seu potencial é preciso, nomeadamente entre os máis cativos, un uso supervisado que lles aprendaa evitaren a desinformación ou os calotes, alén doutros contidos impropios que anegan eses mundos virtuais. Para isto acontecer, o Goberno debe priorizar a mellora da calidade de vida das familias. Hogano, por mor de longas xeiras de traballo, as nais e pais das crianzas chegan á casa atafegadas e acaban por delegar nas redes parte da súa responsabilidade. U-las medidas do Goberno en prol da conciliación?
Por outra banda, convén sinalar a hipocrisía do gabinete no tocante ao uso das redes sociais. Persoeiros e institucións gobernamentais publican decote informacións relevantes nas deostadas plataformas, agora vedadas para as camadas máis novas da sociedade. O Goberno, a diferenza da radio e da televisión onde dispón de cadanseu medio público, confía os novos medios de comunicación a organismos privados. Noutras palabras, renuncia ao progreso informativo e á soberanía dixital. U-la proposta do Goberno dunha rede social pública, soberana, aberta e libre de algoritmos opacos?
En conclusión, unha resposta progresista non é prohibir, senón educar, acompañar e dotar de dereitos e recursos para facilitar a adaptación da cidadanía aos novos escenarios. Sen conciliación, alfabetización dixital e alternativa soberana non é progreso, é involución.
Exemplo 2
Irmos cara ao pasado para mellorarmos o futuro
Un dos temas máis controvertibleshogano é a prohibición de vez do uso de redes sociais a menores de 16 anos por parte do goberno. Incomprensiblemente, non son poucas as voces que se están a situar en contra desta, ao meu parecer, óptima medida.
En primeiro lugar, cómpre aclarar que non é unha decisión especialmente sorprendente após vir a lume nos últimos anos certas medidas co gallo de restrinxir cada vez máis na rapazada o uso das pantallas, en particular no eido educativo. Se ben é certo que a OMS aínda non considera como trastorno a adicción a móbiles e Internet, diversas investigacións abordan a relación do uso intensivo de redes con problemas de saúde mental, a verdadeira chave das noces deste asunto.
Así pois, convén non tomarmos o acceso a redes sociais en menores á lixeira. É indubidable que o teléfono móbil é un instrumento clave na sociedade do século XXI e revélase útil empregándoo cadora e cando, mais é tamén a porta a un mundo virtual do que a cativada non debería formar parte, quer polo fácil acceso a contidos impropios para a súa idade, quer pola perda de interacción social derivada do abuso das redes sociais.
É por isto que, do meu punto de vista, esta restrición do goberno é fundamental para afastaren dos efectos nocivos das redes sociais á nosa mocidade e protexeren así a súa saúde mental. Se non toleramos que a rapazada fume nin beba, por que deberiamos permitirlle o acceso a plataformas que lle rouban a nenez? Nesta situación, achegarse a un pasado sen tantos espazos virtuais é, en definitiva, coidar do noso futuro.
Artigo de opinión (traballo)
Vostede traballa no departamento de recursos humanos dunha empresa. Nesta, repartíuse unha enquisa entre o persoal para recadar información sobre o ambiente laboral e a necesidade de mellorar as condicións laborais. Tras analizar os resultados, decide escribir un artigo de opinión para a revista sindical da empresa.
Debe incluír obrigatoriamente:
Argumentar sobre a importancia de mellorar as condicións laborais e as
consecuencias desta mellora.
Propoñer medidas xerais e/ou concretas para acadar un ambiente laboral
amigable.
Número de palabras: mínimo 180 – máximo 210.
Exemplo 1
Un ambiente laboral acaído: unha necesidade urxente
Hogano estamos a asistir a un cambio de paradigma no ámbito laboral, no que cada vez se lle concede maior importancia ao benestar das persoas traballadoras. Os datos da enquisa poñen de manifesto que existen importantes diferenzas entre homes e mulleres, especialmente no que atinxe á conciliación familiar e á flexibilidade horaria. Noutras palabras, faise fincapé en que unha parte significativa do persoal continúa amosando un notable grao de insatisfacción.
Baixo o meu punto de vista, mellorar as condicións laborais non só beneficia o persoal, senón tamén a propia empresa. Un ambiente laboral amigable pode acabar por incrementar a produtividade, reducir o absentismo e fortalecer o compromiso das persoas empregadas. Con todo, cómpre salientarmos que determinadas eivas, como os baixos salarios ou a dificultade para conciliarmos a vida laboral e familiar, seguen presentes arestora.
Para acadarmos unha situación máis equilibrada, sería acaído impulsarmos medidas concretas como horarios flexibles, opcións de teletraballo ou programas de apoio emocional. De persistiren estas desigualdades, non sería estraño que o malestar
laboral acabase por agravar o clima da empresa nos próximos anos.
En resumo, cómpre reflexionarmos sobre a necesidade de construír espazos de traballo máis humanos, inclusivos e sustentábeis.
Exemplo 2
O eterno debate laboral
Historicamente, a cuestión das condicións laborais deu moito de si, e non é un debate que vaia ter fin nun futuro próximo. Deste xeito, o dono ou dona dunha empresa tendeu sempre a poñer os ollos no aumento da súa riqueza e mirar de esguello para as condicións dos seus asalariados.
Actualmente, existen empresas nas que 1 de cada 2 mulleres amosan o seu descontento coa conciliación da vida familiar, unha cifra insostible para o benestar das traballadoras. Que futuro queremos para a nosa sociedade? Queremos seguir facendo de menos ao sexo feminino no eido laboral? Cómpre reflexionarmos sobre isto e tomarmos medidas co adaxo de mellorar as condicións laborais e as retribucións salariais, pois isto implicaría unha mellora na produtividade.
É por isto que, do meu punto de vista, o celme da cuestión vai alén das condicións laborais das mulleres. Se ben é o primeiro para abordar, convén realizar un troco que mellore de vez as condicións de todo o persoal: menos carga horaria e unha suba salarial, principalmente.
Os intereses dos empresarios sempre se contrapuxeron cos dos traballadores, quer por falta de vontade, quer por problemas económicos, mais é imprescindible o esforzo para investir nunhas mellores condicións co gallo de acadar un ambiente laboral máis amigable que traerá consigo un maior beneficio para todas e todos.
Carta ao director
Vostede leu nun xornal a seguinte información sobre un observatorio médico contra as pseudociencias, pseudoterapias, intrusismo e seitas sanitarias. Este observatorio púxoo en marcha a Organización Médica Colexial (OMC) para poñerlle freo a este tipo de prácticas, case inocuas nalgúns casos, pero moi perigosas noutros.
OBSERVATORIO MÉDICO SOBRE PSEUDOCIENCIASO documento elaborado pola OMC recolle unhas 170 prácticas, non todas pseudoterapias e non todas perigosas, con información detallada sobre cada unha. E, por suposto, hai bastante diferenza entre unhas e outras. Desde algunhas que xa están consideradas como sectarias, como a bioneuroemoción, a nova medicina xermánica ou a biodescodificación, todas cun mesmo entroncamento e que parten de que non hai enfermidades, senón que son o resultado de conflitos emocionais; ata outras que a OMC recolle que teñen evidencia científica, como a hidroterapia ou a drenaxe linfática manual. No medio, un abano que inclúe medicamentos aiurvédicos, homeopatía, ozonoterapia, kinesioloxía, osteopatía, reiki ou terapia de renovación de memoria celular, esta última tamén con risco sectáreo.
Fonte: www.lavozdegalicia.es
Como este é un tema que lle interesa, decide escribirlle unha carta á dirección do xornal na que amosa a súa preocupación / interese por este tipo de terapias e a súa opinión sobre elas.
Debe tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Expoña a súa opinión sobre a proliferación destas prácticas no noso país e argumente sobre a necesidade de regulalas.
Especule sobre o futuro destas novas terapias holísticas que consideran o ser humano como unha unidade de corpo, mente e espírito.
Número de palabras: mínimo 200 - máximo 230
Debe tratar todos os puntos sinalados.
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo.
Exemplo 1
Xan de Ninguén
Avenida Todures, 5
15999 Ningures
DNI: 28042620-P
202-604-280 - [email protected]
Dirección de La Voz de Galicia
Sección: Cartas ao director
Xalundes, 28 de abril de 2026
Prezado director:
Son lector habitual do seu xornal e escribo para mostrar o meu recoñecemento pola próxima creación do observatorio contra as pseudociencias promovido pola Organización Médica Colexial (OMC). Para lidarmos con este fenómeno, cómpre achegármonos a el de forma obxectiva e, a teor do publicado neste xornal, coido que esta necesaria iniciativa presenta un enfoque acaído.
Numerosas terapias alternativas, quer con eficacia probada, quer non, teñen agromado nos últimos tempos. A maior parte destes tratamentos carecen de validez científica pois son, principalmente, pretextos utilizados por falabaratos sectarios para se enriqueceren á custa dos cartos e da saúde de doentes enganados. É nestes casos, na protección dos enfermos, onde debemos situar o albo da lexislación sanitaria e das críticas do gremio médico.
No entanto, a medicina, como ciencia que é, debe estar aberta aos novos achados. Por iso convén mantérmonos en alerta para estendermos as coberturas públicas de saúde con aqueles tratamentos que demostraren a súa validez cientificamente. Alén de novos fármacos, cómpre considerarmos calquera das novas terapias que abordan as doenzas cun enfoque máis global do ser humano se contribuíren a convivirmos coas enfermidades de xeito menos lesivo para a nosa saúde mental.
En suma, no eido da medicina é momento de sermos firmes, sexa para prohibir, sexa para autorizar. Ora ben, sen nos afastarmos do método científico que tantos beneficios ten achegado para a nosa sociedade.
Dirección de La Voz de Galicia
Sección: Cartas ao director
Xalundes, 28 de abril de 2026
Estimado Sr. director ,
Recentemente, no seu xornal publicaron unha noticia na que se abordaban as pseudociencias recollidas nun informe pola Organización Médica Colexial (OMC). A miña sorpresa foi maiúscula ao ler que a cifra total destas prácticas ascendía a 170, dato que descoñecía e que espertou en min unha fonda preocupación por este asunto.
En primeiro lugar, cómpre puntualizarmos que non todas as terapias son negativas. De feito, en certo modo resulta beneficioso que existan algunhas delas como aspecto complementario a unha terapia cientificamente demostrada pois poden acadar un impacto altamente positivo, sobre todo no aspecto psicolóxico dos doentes.
Alén disto, non podemos mirar de esguello para a chave das noces deste asunto: o carácter sectario e a substitución de vez da medicina tradicional por estoutras prácticas. Así pois, do meu punto de vista, crer que, por exemplo, un curandeiro é máis eficaz que un médico para superar unha enfermidade semella unha cuestión de outrora. Hogano, afortunadamente, temos coñecementos dabondo no primeiro mundo como parar crermos e convencérmonos de que nada é máis poderoso que a ciencia para erradicar todas as doenzas. Porén, na sociedade está gañando peso calquera corrente de pensamento que se opoña a teorías científicas claramente probadas.
Por todo isto, coido que é fulcral que a OMC poña o foco nestas pseudociencias para serviren en bandexa de prata aos gobernos a regulación necesaria co adaxo deminorar a expansión desde tipo de prácticas.
Atentamente,
Citrano.
Carta de reclamación
Vostede viu hai uns meses este anuncio en Internet dun centro de estética (Rexurdir) na Coruña e con esta información decidiu facerse unha rinoplastia con fíos.
image-20260523100328402
Os resultados da devandita intervención non foron do seu agrado, daquela decide enviarlle á directora da clínica unha carta de reclamación.
Ten que tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Expoña as razóns pola que está descontenta coa intervención (pode basearse no anuncio)
Propóñalle á clinica unha solución satisfactoria e as accións que levará a cabo de non ser así.
Número de palabras: mínimo 120 - máximo 150
Ten que tratar todos os puntos da tarefa.
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo no exame.
Non esqueza incluír o formato propio deste tipo de texto.
Asunto: reclamación por rinoplastia insatisfactoria
Prezada señora:
O pasado 20 de febreiro sometinme na súa clínica a unha rinoplastia con fíos a teor do prometido nun anuncio. A campaña publicitaria aseguraba un procedemento sen cirurxía, minimamente invasivo e con resultados inmediatos após 30 minutos de intervención.
Porén, a miña experiencia afastouse das expectativas xeradas. O procedemento, alén de demorar varias horas, produciu efectos adversos — nomeadamente unha rinite padecida durante un mes, como consta no anexo — dos cales non fun advertido. Amais, o resultado, no canto de inmediato, foi tardío (==serodio) e decepcionante pois non é harmonioso e amosa unha asimetría notable.
Por todo isto, tras numerosas e estériles tentativas de contacto nos medios fornecidos, escribo esta carta para solicitar, no prazo de vinte días, unha revisión cirúrxica ou a devolución íntegra do importe aboado. En caso contrario, presentarei reclamación perante Consumo e as autoridades sanitarias competentes.
Fico ao seu dispor para calquera cuestión que for precisa.
Son Citrano de Ninguén, cliente do seu centro de estética. A comezos de ano realicei unha rinoplastia sen fíos após ver o anuncio en Internet.
Póñome en contacto con vostede de novo xa que, se ben a intervención foi realizada no tempo esperado, sufrín diversas complicacións posteriores, tales como irritación cutánea e hemorraxias internas. Do punto de vista do meu médico, estes inconvenientes sufridos non se corresponden cun procedemento que se oferta como minimamente invasivo. Alén disto, os resultados aínda non son visibles, pois non se parecia ningún cambio significativo no nariz.
Por conseguinte, solicito recibir a devolución da totalidade do importe da rinoplastia, xa que as condicións da intervención non foron satisfeitas. Non me gustaría ter que emprender accións legais, pois o trato do persoal foi o mellor de todo o proceso, mais, de non chegarmos a unha avinza nos vindeiros 30 días, non me quedará outra alternativa.
Atentamente,
Citrano
O resumo (As ánimas)
Exemplo 1
A concepción galega da familia ten sido, e aínda é, moi diferente ao concepto actual que separa o mundo dos vivos do dos mortos. A cultura galega estabelece entre estes dous mundos unha relación bidireccional, unha fronteira permeable, que se manifesta en diversas tradicións e celebracións.
A relación coas ánimas
A relación dos humanos coas ánimas presenta unha vertente dupla. Por unha banda, ás ánimas, dada a súa proximidade a Deus e consideración de ser celestial, teñen acontan coa capacidade para axudar os vivos. É por iso que estes apelan a elas na procura de axuda para a solución de problemas terreais.
Por outra banda, os vivos tamén realizan diversas actos para paliar o sufrimento das ánimas para as axudar a saír do Purgatorio. O Día de Defuntos, a Candeloria, ou a Pascua son algunhas das datas con marcado simbolismo para este tipo de ofrendas que chegan a involucrar bolos de pan, espigas de trigo e incluso herdanzas.
A visita das ánimas
No entanto, a intervención das ánimas no mundo dos vivos non sempre é positiva. Cabe a posibilidadede as ánimas se manifestaren para causar os problemas en troques de os solucionar.
A súa aparición pode darse quer de forma directa quer de forma indirecta. De forma directa directo maniféstanse de múltiples xeitos: humana (individual ou grupal), animal (abellas, bolboretas...), ruídos, luces, sombras, pedras e incluso introducirse no corpos de persoas nos chamados "corpos abertos". De forma indirecta maniféstanse provocando desgrazas e accidentes.
Datas liminais: a Noite de Defuntos
Esta transición entre mundos é máis doada en determinados momentos do ano como a Noite BoaNoiteboa, o San Xoán e, especialmente, a Noite de Defuntos. Nesta noite máxica considérase que abren as portas do Alén, permitido o tránsito dos defuntos para o mundo dos vivos. É por iso que os vivos preparan o regreso ao fogar dos familiares defuntos deixando a mesa posta e o lume aceso.
Os magostos
Outra celebración con grande arraigo en Galicia e moi ligada ás ánimas e defuntos son os magostos. De feito, as súas datas de celebración sitúanse por volta do día de Defuntos. As castañas, alén do seu carácter gastronómico, contribúen ao simbolismo do magosto. Deste xeito, considérase que esta festa pode ter orixe na elaboración dunha comida para os mortos comeren. Emborrallar cara coa cinza das castañas para asustar os veciños ou saltar as fogueiras na busca de purificación son outros aspectos que conectan co mundo das mortos.
As ánimas como mensaxeiras de desgrazas
Na cultura galega, as ánimas contan tamén con outra función: a de mensaxeiras das morte. Certos ruídos e sinais nocturnos como anuncio de desgrazas son atribuídos ás ánimas, especialmente á Compaña. Esta procesión nocturna de espíritos encabezada por un vivo anuncia unha morte próxima. O contacto coa Compaña é perigoso, polo que se recomenda fuxir ou refuxiarse.
O perigo dos defuntos
Porén, non só as ánimas representan un risco, tamén os defuntos. Deste xeito, algúns rituais procuraban evitar males maiores no falecemento dunha persoa.
Conclusión
A cultura galega integra a morte como parte natural da vida, axudando a afrontar a perda e dotando de sentido o tránsito cara ao Alén. Na actualidde, o declive do mundo rural pon en perigo estas tradición e está a converter a morte en tabú.
Exemplo 2
Na cultura galega, a vida e a morte preséntanse como unha relación fluída, de interacción entre os vivos e as ánimas. Así pois, as persoas con fe nas ánimas róganlles axuda a estas para mediaren na curación de enfermidades a cambio de axudar aquelas que están no purgatorio. Esta crenza do colectivo nas ánimas deu lugar a tradicións e homenaxes litúrxicas moi presentes na altura popular. Nalgúns casos, aínda perviven na actualidade.
Porén, as ánimas non sempre se mostran como entes bondadosos, senón que poden ter intencións máis escuras. Ademais, poden chegar a presentarse dee múltiples formas neste mundo, ora directamente como individuos, ora indirectamente como desgrazas ou enfermidades.
Un dos días do ano dedicados expresamente ás ánimas do Purgatorio para baixaren á Terra é a Noite dos Defuntos. Deste xeito, en Galicia, non se recollía a mesa nesa data para deixarlles alimento ás almas durante a súa viista. Nesta noite, con séculos de tradición na nosa terra, os nenos e nenas percorrían as casas da contorna pedindo comida, de xeito similar co que se popularizou nos Estados Unidos co Halloween. Alén diso, tamén se adoitaba preparar comida para os defuntos se alimentaren. Estas tradicións aínda seguen presentes a día de hoxe.
Outro festexo típico de Galicia, propio dos meses de outubro e novembro é o magosto, tamén relacionado cos defuntos; tanto é así que en Portugal e Asturias era costume deixar castañas para que as puidesen comer os defuntos. Ademais, o propio froito poderia representar a inmortalidade.
Na Escocia decimonónica celebrábase na véspera do Samaín, unha reunión arredor dunha fogueira na que os alí presentes empregaban as cinzas para se disfrazaren e meteren medo ao resto dos veciños.
A morte adoita avisar antes de aparecer en forma de desgrazas ou sinais. Moitos destes avisos estaban relacionados coas ánimas, en particular cos ruídos que proviñan dos tellados. Máis concretamente, relaciónanse estes últimos coa Compaña, pois estes sons implicarían a inquedanza das almas perante unha situación mala que vai ocorrer. A Compaña, fenómeno cultural galego, é a procesión das almas en pena, encabezada por un vivo seguido por unha recua de ánimas vestidas de branco. Van á procura dos vivos para prexudicar a súa saúde, os cales só se librarán deste padecer tras pasarlle a remuda a outros vivos. Cómpre evitar mirar a Compaña e protexerse dela.
Os defuntos tamén son perigosos xusto antes de morrer. Por este motivo, a cultura tradicional intentaba protexerse do chamado "aire do defunto" ou "sombra do defunto". Protexíanse desde animais até cativos, tomando precaucións.
A morte sempre se vive tradicionalmente como unha posibilidade de vida mellor despois da morte. En definitiva, sempre foi un aspecto importante dentro da sociedade e da cultura galega, mais agora está esvaecendo entre as novas xeracións.
Mediación escrita (medio ambiente)
Exemplo 1
Esta tira cómica mostra unha personaxe a enumerar, perante os diversos colectores do lixo, as indicacións relativas á correcta separación dos residuos. Porén, chegado o momento dos restos orgánicos, nun xiro humorístico, a protagonista fai referencia ao "aproveitamento tradicional" dos residuos en que eran as galiñas as encargadas de reutilizalos.
O autor, desde un punto de vista irónico, exemplifica a través da reciclaxe a separación existente entre os discursos institucionais e os usos cotiás da cidadanía respecto da sustentabilidade. Deste xeito, a viñeta convida a reflexionarmos sobre a eficacia das estratexias comunicativas gobernamentais no eido da sostibilidade.
Exemplo 2
Nesta viñeta móstrase a unha señora do rural enumerando os caldeiros de cores para realizar a correcta reciclaxe dos diferentes residuos do xeito que está estipulado universalmente. Finalmente, indica que un dos baldes é empregado para dar de comer ás galiñas os residuos orgánicos do fogar.
Así pois, deste xeito cómico, ponse de manifesto a histórica tradición en moitos fogares, especialmente do rural, de empregar os refugos da comida como sustento principal dos animais da casa e como, posiblemente sen sabelo, estas persoas estveron todo este tempo contribuíndo a diminuír a pegada ecolóxica e a mellorar a sustentabilidade do planeta.
Mediación escrita (economía e industria)
Vostede viu en X, na conta @SoberaníaAlimentaria, un fío en que se analiza o censo agrario dos anos 2020 e 2009. Aí puido ver esta táboa e a explicación sobre o índice de Gini:
image-20260523101155963
Un dos métodos máis comúns para medir a concentración da terra é o coeficiente de Gini, un indicador aceptado universalmente. Canto máis próximo é a 1 o valor deste coeficiente, maior acaparamento e desigualdade existe nun territorio, é dicir, a posesión da terra recae en menos mans. Un valor próximo a 0, pola contra, indica un repartimento máis equitativo da terra.
Como sabe que a seu pai lle interesa este tema, decide facer un pequeno resumo persoal para poder transmitirlle esta información cando o vexa.
Debe tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Resuma os datos reflectidos na táboa, centrándose especialmente en Galiza.
Analice as tendencias que o dito gráfico manifesta.
Número de palabras: mínimo 80 - máximo 100
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo no exame.
Exemplo 1
Os chíos publicados en X por @SoberaniaAlimentaria amosan a evolución do índice Gini agrario, con valores entre 0 (menor acaparamento) e 1 (maior concentración), pormenorizado por comunidade autónoma entre 2009 e 2020.
No conxunto do Estado obsérvanse diferenzas de até catro décimas entre os territorios interiores, máis desiguais, e as illas e comunidades costeiras, máis equitativas. Galiza, (reflexo do weltanschauung minifundista do agro galego,) conserva con 0,424 no 2020 o liderado e a distancia de máis de tres décimas respecto da media estatal (0,748). Porén, sufriu o terceiro maior aumento (8,9 %), o que revela unha tendencia concentradora na propiedade das terras galegas.
Mediación escrita (vivenda)
Exemplo 1
O texto publicado en <temposdixital.gal>de autoría descoñecida, aborda os aspectos negativos do turismo, nomeadamente cando esté é masificado.
Os destinos, quer urbanos, quer rurais, cuxo volume de visitantes supera notablemente a capacidade de os xestionar, ven comprometida a súa habitabilidade para os cidadáns.
Os efectos da turistificación maniféstanse, alén do social, no cultural e no económico. A xentrificación provoca a mudanza dos habitantes por mor da suba de prezos.
As localidades abandonan o seu caracter residencial para se tornaren en simples atracións turísiticas, poñendo en risco a propia supervivencia como destino.
Mediación escrita (saúde)
Vostede traballa no sector sanitario e acaba de atopar esta gráfica en Internet:
image-20260523114946162
Debe elaborar un resumo persoal para expoñelo nunha reunión sindical do hospital, explicando os datos da gráfica e sinalando a súa tendencia. O texto debe ter entre 80 e 100 palabras.
Exemplo 1
Nesta gráfica publicada en Praza, con datos do Sergas, dáse conta da evolución do número de persoas en lista de espera para seren operadas en Galiza entre 2016 e 2021. Polo miúdo, obsérvase que a maior parte das persoas agardan menos de tres meses, aínda que tamén aumentan progresivamente os casos de pacientes que deben esperar máis tempo.
Noutras palabras, ponse de manifesto unha tendencia ascendente das listas de espera, especialmente a partir de 2020.
Alén diso, faise fincapé en que os períodos de espera superiores aos seis meses vense incrementando arestora, o que podería reflectir certas eivas no sistema sanitario.
Mediación escrita (traballo)
Segundo se amosa na enquisa realizada aos traballadores e traballadoras da empresa, só 1 de cada 5 varóns melloraría a súa flexibilidade horaria. Pola contra, a metade das mulleres reflicte a súa insatisfacción nesta sondaxe. A diferenza neste apartado é a máis desproporcionada de todos os resultados, sendo este o punto máis controvertible entre as empregadas.
Porén, no tocante ao salario e ás instalacións da empresa ambos os sexos conflúen: por unha banda, a metade dos asalariados están descontentos coa súa retribución e, por outra banda, 3 de cada 4 traballadoras mostran a súa satisfacción coas instalacións.