A vostede interésalle moito a arte e a cultura galega en xeral. Pensaba ir ver o Museo de LuísSeoane na cidade da Coruña, pero leu esta opinión en Internet.
image-20260522102952503
Escríballe un correo electrónico formal ao concelleiro responsábel (turismo?) no Concello daCoruña interesándose por este asunto.
Ten que tratar obrigatoriamente (na orde que considere oportuna) os puntos seguintes:
Exprese o seu interese na obra de Seoane e a importancia da súa obra para a cultura galega.
Manifeste as súas queixas pola situación actual do museo.
N.º de palabras: mínimo 120 - máximo 150
O texto deberá respectar o número de palabras requirido.
Debe tratar todos os puntos indicados.
Non esqueza poñer os datos de identificación propios deste tipo de texto.
O meu nome é Xan de Ninguén, residente en Vigo e apaixonado pola arte galega; especialmente pola obra de Luís Seoane, cuxo legado artístico é fulcral para compredermos a identidade cultural galega no século XX.
Motivado por este interese, estaba a planificar unha viaxe á Coruña para apreciar in situ as creacións do meu admirado artista cando, por mor de diversas valoracións en Internet, decidín adiar a visita. Segundo os comentarios, a exposición permanente do museo da Fundación Luís Seoane, so responsabilidade da súa concellaría, non inclúe a obra do polifacético artista de quen a institución toma o nome. Por iso, quero manifestar a miña inquedanza ante semellante desleixo coa memoria de tan destacado autor.
Se me permite a suxestión, encoráxoo a consultar co seu homólogo da corporación municipal viguesa, partícipe da xestión e exhibición da colección permanente na Fundación Laxeiro, para compartiren experiencias, pois considero que é un caso de éxito extrapolable a outras cidades e artistas galegos.
Agradezo a atención prestada. Reciba un cordial saúdo.
Antes de nada, quero presentarme: son Farruco Citano, cidadán da Coruña. Diríxome a vostede despois de ler en Internet que non se encontran as obras do pintor na Fundación homónima.
Co gallo de recibir nas vindeiras datas festivas a visita de parentes da Arxentina, tiña a intención de lles mostrar a obra deste benquerido artista, para así poder difundir o sobresaínte papel dentro da nosa cultura que tivo este persoeiro no pasado século.
Porén, resulta realmente complexo realizar calquera labor de divulgación crible cando nin no seu propio museo se lle está a dar un trato acorde á súa relevancia como artista. Cómpre deixarmos a un lado ás desculpas e poñerlle solución a este desleixo canto antes.
Un saúdo,
Farruco.
Correo electrónico formal (clima e medio natural)
Vostede ten moito interese na biodiversidade e na conservación da natureza galega polo
que consulta a miúdo a revista da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) na que descobre o seguinte artigo:
A introdución de flora e fauna exótica e invasora é un fenómeno en alarmante proceso de expansión en Galiza, con especial incidencia nos ecosistemas fluviais, onde até a data non se ten actuado para reverter esta situación, agás algúns casos con incidencia local e puntual. Os graves e variados efectos que poden ocasionar estas especies sobre a biodiversidade nativa permanecen maiormente sen estudar, aínda que xa se pode asegurar que a resolución da súa problemática necesitará nos próximos anos altas sumas de diñeiro., sobre todo tendo en conta que administración autonómica parece que claudicou na loita contra estas especies invasoras.
Fonte: Adega cadernos
Despois de o ler, decide enviarlle ao conselleiro de Medio Ambiente unha mensaxe electrónica sobre o tema.
Ten que tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Argumente sobre a necesidade de reaccionar ante esta problemática.
Especule sobre o futuro dos ecosistemas naturais galegos en relación coas especies invasoras.
Número de palabras: mínimo 120 - máximo 150
Ten que tratar todos os puntos da tarefa.
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo no exame.
Non esqueza incluír o formato propio deste tipo de texto.
asunto: os nosos ecosistemas precisan actuacións urxentes
Estimado Sr. conselleiro:
O meu nome é Xan de Ninguén e escribo este correo, en calidade de cidadán apixonado polo ecoloxismo, para lle manifestar a grande inquedanza que xerou en min o último número da revista ADEGA.
Tal e como se describe no artigo, o futuro da variedade anima e vexetal propia esá en risco por causa das especies invasoras. A invasión exótica agride a todos os ecosistemas sendo os nosos ríos os máis afectados. Debido ao desleixo que ten amosado a administación, aínda descoñecemos a potencia desta ameaza. No entanto, a súa concellaría pode reconducir esta situación orzamentando as partidas necesarias para investigación e recuperación da biodiversidade.
Malia que os estamentos políticos teñen que liderar a recuperación, salvarmos as especies coas que cohabitamos desde hai milleiros de anos é un labor de toda a sociedade. Debemos actuar xa para evitarmos a substitución da flora e fauna prevista nas próximas décadas no caso de non actuarmos a tempo.
asunto: Preocupación pola expansión das especies invasoras
Prezado Sr. conselleiro,
Póñome en contacto con vostede co gallo de trasladarlle a miña preocupación verbo da expansión das especies invasoras nos ecosistemas naturais galegos. Recentemente tiven ocasión de ler un artigo publicado por ADEGA no que se dá conta do grave impacto que esta problemática pode provocar sobre a biodiversidade autóctona.
Cómpre salientarmos que, de non se adoptaren medidas acaídas á maior brevidade posible, moitos ecosistemas poderían verse seriamente afectados nos próximos anos. Alén diso, semella evidente que o desleixo institucional fronte a esta cuestión acabou por agravar unha situación xa de seu preocupante.
Baixo o meu punto de vista, a administración debería actuar a prol de protexermos a flora e fauna nativas mediante campañas de prevención, control e sensibilización ambiental. De persistir esta tendencia, non sería estraño que determinadas especies autóctonas acabasen por desaparecer en certas zonas de Galiza.
Sen outro particular, e agradecendo de antemán a súa atención, quedo á espera da súa resposta.
Son Citano da Citania, e escribo este correo para expor a fonda preocupación do espallamento das especies invasoras na nosaa terra, non só desde unha perspectiva individual, senón tamén colectiva, pois non somos poucos os cidadáns que consideramos este un tema relevanete.
Así pois, revistas coma a da asociación ADEGA pon de manifesto que estamos ante un grave problema que está xa a castigar severamente o noso ecosistema. Levamos, xa que logo, anos convivindo con velutinas ou eucaliptos, sen decatármonos das consecuencias que neste úlimo caso presentan as especies exóxenas nos incendios que asolagan o noso territorio ano tras ano.
É por isto que non comprendo ata onde queremos chegar sen tomar medidas reais que poñan cancelas a esta invasión: imos agardar a que desaparezan especies con centos de anos de historia na nosa terra? Queremos perder esta parte da nosa riqueza? Estamos a tempo, mais cómpre actuarmos coa maior brevidade posible.
Son Xan de Ninguén, veciño da parroquia de Ningures, na comarca do Ulla. Escribo esta mensaxe para lles manifestar o meu apoio na campaña que están a promover contra a gandaría intensiva.
Na miña comarca, antano berce de modestas explotacións gandeiras extensivas, obsérvase hogano como a ameaza da gandaría industrial está a pairar sobre as nosas leiras, ríos e vales. No entanto, a diferenza do acaecido no Porriño que foi publicado está semana, onde non se albisca solución, acho que no Ulla estamos a tempo de determos a ameaza.
Por esa razón, convido as súas asociacións a participar nas manifestacións previstas para o próximo mes. As protestas teñen como fin concienciarmos a cidadanía e as administracións da necesidade de mantermos un modelo sustentábel, cunha xestión de refugallos respectuosa, que non empregue como colector do lixo o noso ben máis prezado: a natureza.
Agradezo a atención prestada.
Moitos azos na loita,
Xan
Artigo de opinión (identidade persoal)
El están os adolescentes en perigo?
A adolescencia é unha etapa complexa de seu. Historicamente, as faixas etarias adultas teñen cuestionado os hábitos da mocidade. No entanto, hogano presenciamos tempos confusos, tanto para as camadas máis novas da sociedade como para as máis vellas. Por isto, cómpre reflexionarmos sobre a situación actual, e futura, da xente nvoa.
Na construción identitaria dos adolescentes, a chave das noces foron, son e serán os referentes. Tradicionalmente, as persoas de referencia eran as figuras maternas e paternas, familiares, a veciñanza e as amizades. Era un círculo de influencia próximo, de confianza. Porén, ao progresaren os avances tecnolóxicos este círculo mudou o raio de influencia até o límite do planeta.
Na actualidade, os referentes para a adolescencia atópanse nas redes sociais. A novidade é que as persoas máis achegadas deixaron de ter influencia en prol deinfluentes de sona dun mundo virtual. Polo tanto, perdemos o control, supoñendo que o tivemos nalgún momento, sobre o que está condicionando a personalidade da mocidade. E non só iso, se callar, algún deses referentes é unha personaxe virtual creada por IA en troques dunha persoa real.
A evolución tecnolóxica vai acentuar esta situación, dotando de maior relevancia as relacións virtuais. Con todo, non debemos tolear. Confiarmos nos adolescentes é o camiño a seguir. Se gregos ou romanos, entre outros, dubidaron no seu momento da xuventude e, aínda así, a sociedade progresou, talvezdesta volta os adolescentes continúen encontrando referentes positivos... ou non.
Artigo de opinión (política)
Exemplo 1
Goberno progresista ou reaccionario?
O Goberno español, autoproclamado como o máis progresista da historia, anunciou a prohibición do acceso ás redes sociais ás persoas menores de 16 anos. A teor dodevandito comunicado, agromaron incontables debates sen abordaren a cerna da cuestión: é unha solución progresista?
Por unha banda, cómpre aclarar que a tecnoloxía é neutra de seu. A percepción da sociedade, quer positiva, quer negativa, sobre unha ferramenta é determinada pola utilización da mesma. As plataformas dixitais non son unha excepción. Con todo, para un aproveitamento de todo o seu potencial é preciso, nomeadamente entre os máis cativos, un uso supervisado que lles aprendaa evitaren a desinformación ou os calotes, alén doutros contidos impropios que anegan eses mundos virtuais. Para isto acontecer, o Goberno debe priorizar a mellora da calidade de vida das familias. Hogano, por mor de longas xeiras de traballo, as nais e pais das crianzas chegan á casa atafegadas e acaban por delegar nas redes parte da súa responsabilidade. U-las medidas do Goberno en prol da conciliación?
Por outra banda, convén sinalar a hipocrisía do gabinete no tocante ao uso das redes sociais. Persoeiros e institucións gobernamentais publican decote informacións relevantes nas deostadas plataformas, agora vedadas para as camadas máis novas da sociedade. O Goberno, a diferenza da radio e da televisión onde dispón de cadanseu medio público, confía os novos medios de comunicación a organismos privados. Noutras palabras, renuncia ao progreso informativo e á soberanía dixital. U-la proposta do Goberno dunha rede social pública, soberana, aberta e libre de algoritmos opacos?
En conclusión, unha resposta progresista non é prohibir, senón educar, acompañar e dotar de dereitos e recursos para facilitar a adaptación da cidadanía aos novos escenarios. Sen conciliación, alfabetización dixital e alternativa soberana non é progreso, é involución.
Exemplo 2
Irmos cara ao pasado para mellorarmos o futuro
Un dos temas máis controvertibleshogano é a prohibición de vez do uso de redes sociais a menores de 16 anos por parte do goberno. Incomprensiblemente, non son poucas as voces que se están a situar en contra desta, ao meu parecer, óptima medida.
En primeiro lugar, cómpre aclarar que non é unha decisión especialmente sorprendente após vir a lume nos últimos anos certas medidas co gallo de restrinxir cada vez máis na rapazada o uso das pantallas, en particular no eido educativo. Se ben é certo que a OMS aínda non considera como trastorno a adicción a móbiles e Internet, diversas investigacións abordan a relación do uso intensivo de redes con problemas de saúde mental, a verdadeira chave das noces deste asunto.
Así pois, convén non tomarmos o acceso a redes sociais en menores á lixeira. É indubidable que o teléfono móbil é un instrumento clave na sociedade do século XXI e revélase útil empregándoo cadora e cando, mais é tamén a porta a un mundo virtual do que a cativada non debería formar parte, quer polo fácil acceso a contidos impropios para a súa idade, quer pola perda de interacción social derivada do abuso das redes sociais.
É por isto que, do meu punto de vista, esta restrición do goberno é fundamental para afastaren dos efectos nocivos das redes sociais á nosa mocidade e protexeren así a súa saúde mental. Se non toleramos que a rapazada fume nin beba, por que deberiamos permitirlle o acceso a plataformas que lle rouban a nenez? Nesta situación, achegarse a un pasado sen tantos espazos virtuais é, en definitiva, coidar do noso futuro.
Artigo de opinión (traballo)
Vostede traballa no departamento de recursos humanos dunha empresa. Nesta, repartíuse unha enquisa entre o persoal para recadar información sobre o ambiente laboral e a necesidade de mellorar as condicións laborais. Tras analizar os resultados, decide escribir un artigo de opinión para a revista sindical da empresa.
Debe incluír obrigatoriamente:
Argumentar sobre a importancia de mellorar as condicións laborais e as
consecuencias desta mellora.
Propoñer medidas xerais e/ou concretas para acadar un ambiente laboral
amigable.
Número de palabras: mínimo 180 – máximo 210.
Exemplo 1
Un ambiente laboral acaído: unha necesidade urxente
Hogano estamos a asistir a un cambio de paradigma no ámbito laboral, no que cada vez se lle concede maior importancia ao benestar das persoas traballadoras. Os datos da enquisa poñen de manifesto que existen importantes diferenzas entre homes e mulleres, especialmente no que atinxe á conciliación familiar e á flexibilidade horaria. Noutras palabras, faise fincapé en que unha parte significativa do persoal continúa amosando un notable grao de insatisfacción.
Baixo o meu punto de vista, mellorar as condicións laborais non só beneficia o persoal, senón tamén a propia empresa. Un ambiente laboral amigable pode acabar por incrementar a produtividade, reducir o absentismo e fortalecer o compromiso das persoas empregadas. Con todo, cómpre salientarmos que determinadas eivas, como os baixos salarios ou a dificultade para conciliarmos a vida laboral e familiar, seguen presentes arestora.
Para acadarmos unha situación máis equilibrada, sería acaído impulsarmos medidas concretas como horarios flexibles, opcións de teletraballo ou programas de apoio emocional. De persistiren estas desigualdades, non sería estraño que o malestar
laboral acabase por agravar o clima da empresa nos próximos anos.
En resumo, cómpre reflexionarmos sobre a necesidade de construír espazos de traballo máis humanos, inclusivos e sustentábeis.
Exemplo 2
O eterno debate laboral
Historicamente, a cuestión das condicións laborais deu moito de si, e non é un debate que vaia ter fin nun futuro próximo. Deste xeito, o dono ou dona dunha empresa tendeu sempre a poñer os ollos no aumento da súa riqueza e mirar de esguello para as condicións dos seus asalariados.
Actualmente, existen empresas nas que 1 de cada 2 mulleres amosan o seu descontento coa conciliación da vida familiar, unha cifra insostible para o benestar das traballadoras. Que futuro queremos para a nosa sociedade? Queremos seguir facendo de menos ao sexo feminino no eido laboral? Cómpre reflexionarmos sobre isto e tomarmos medidas co adaxo de mellorar as condicións laborais e as retribucións salariais, pois isto implicaría unha mellora na produtividade.
É por isto que, do meu punto de vista, o celme da cuestión vai alén das condicións laborais das mulleres. Se ben é o primeiro para abordar, convén realizar un troco que mellore de vez as condicións de todo o persoal: menos carga horaria e unha suba salarial, principalmente.
Os intereses dos empresarios sempre se contrapuxeron cos dos traballadores, quer por falta de vontade, quer por problemas económicos, mais é imprescindible o esforzo para investir nunhas mellores condicións co gallo de acadar un ambiente laboral máis amigable que traerá consigo un maior beneficio para todas e todos.
Carta ao director
Vostede leu nun xornal a seguinte información sobre un observatorio médico contra as pseudociencias, pseudoterapias, intrusismo e seitas sanitarias. Este observatorio púxoo en marcha a Organización Médica Colexial (OMC) para poñerlle freo a este tipo de prácticas, case inocuas nalgúns casos, pero moi perigosas noutros.
OBSERVATORIO MÉDICO SOBRE PSEUDOCIENCIASO documento elaborado pola OMC recolle unhas 170 prácticas, non todas pseudoterapias e non todas perigosas, con información detallada sobre cada unha. E, por suposto, hai bastante diferenza entre unhas e outras. Desde algunhas que xa están consideradas como sectarias, como a bioneuroemoción, a nova medicina xermánica ou a biodescodificación, todas cun mesmo entroncamento e que parten de que non hai enfermidades, senón que son o resultado de conflitos emocionais; ata outras que a OMC recolle que teñen evidencia científica, como a hidroterapia ou a drenaxe linfática manual. No medio, un abano que inclúe medicamentos aiurvédicos, homeopatía, ozonoterapia, kinesioloxía, osteopatía, reiki ou terapia de renovación de memoria celular, esta última tamén con risco sectáreo.
Fonte: www.lavozdegalicia.es
Como este é un tema que lle interesa, decide escribirlle unha carta á dirección do xornal na que amosa a súa preocupación / interese por este tipo de terapias e a súa opinión sobre elas.
Debe tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Expoña a súa opinión sobre a proliferación destas prácticas no noso país e argumente sobre a necesidade de regulalas.
Especule sobre o futuro destas novas terapias holísticas que consideran o ser humano como unha unidade de corpo, mente e espírito.
Número de palabras: mínimo 200 - máximo 230
Debe tratar todos os puntos sinalados.
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo.
Exemplo 1
Xan de Ninguén
Avenida Todures, 5
15999 Ningures
DNI: 28042620-P
202-604-280 - [email protected]
Dirección de La Voz de Galicia
Sección: Cartas ao director
Xalundes, 28 de abril de 2026
Prezado director:
Son lector habitual do seu xornal e escribo para mostrar o meu recoñecemento pola próxima creación do observatorio contra as pseudociencias promovido pola Organización Médica Colexial (OMC). Para lidarmos con este fenómeno, cómpre achegármonos a el de forma obxectiva e, a teor do publicado neste xornal, coido que esta necesaria iniciativa presenta un enfoque acaído.
Numerosas terapias alternativas, quer con eficacia probada, quer non, teñen agromado nos últimos tempos. A maior parte destes tratamentos carecen de validez científica pois son, principalmente, pretextos utilizados por falabaratos sectarios para se enriqueceren á custa dos cartos e da saúde de doentes enganados. É nestes casos, na protección dos enfermos, onde debemos situar o albo da lexislación sanitaria e das críticas do gremio médico.
No entanto, a medicina, como ciencia que é, debe estar aberta aos novos achados. Por iso convén mantérmonos en alerta para estendermos as coberturas públicas de saúde con aqueles tratamentos que demostraren a súa validez cientificamente. Alén de novos fármacos, cómpre considerarmos calquera das novas terapias que abordan as doenzas cun enfoque máis global do ser humano se contribuíren a convivirmos coas enfermidades de xeito menos lesivo para a nosa saúde mental.
En suma, no eido da medicina é momento de sermos firmes, sexa para prohibir, sexa para autorizar. Ora ben, sen nos afastarmos do método científico que tantos beneficios ten achegado para a nosa sociedade.
Dirección de La Voz de Galicia
Sección: Cartas ao director
Xalundes, 28 de abril de 2026
Estimado Sr. director ,
Recentemente, no seu xornal publicaron unha noticia na que se abordaban as pseudociencias recollidas nun informe pola Organización Médica Colexial (OMC). A miña sorpresa foi maiúscula ao ler que a cifra total destas prácticas ascendía a 170, dato que descoñecía e que espertou en min unha fonda preocupación por este asunto.
En primeiro lugar, cómpre puntualizarmos que non todas as terapias son negativas. De feito, en certo modo resulta beneficioso que existan algunhas delas como aspecto complementario a unha terapia cientificamente demostrada pois poden acadar un impacto altamente positivo, sobre todo no aspecto psicolóxico dos doentes.
Alén disto, non podemos mirar de esguello para a chave das noces deste asunto: o carácter sectario e a substitución de vez da medicina tradicional por estoutras prácticas. Así pois, do meu punto de vista, crer que, por exemplo, un curandeiro é máis eficaz que un médico para superar unha enfermidade semella unha cuestión de outrora. Hogano, afortunadamente, temos coñecementos dabondo no primeiro mundo como parar crermos e convencérmonos de que nada é máis poderoso que a ciencia para erradicar todas as doenzas. Porén, na sociedade está gañando peso calquera corrente de pensamento que se opoña a teorías científicas claramente probadas.
Por todo isto, coido que é fulcral que a OMC poña o foco nestas pseudociencias para serviren en bandexa de prata aos gobernos a regulación necesaria co adaxo deminorar a expansión desde tipo de prácticas.
Atentamente,
Citrano.
Carta de reclamación
Vostede viu hai uns meses este anuncio en Internet dun centro de estética (Rexurdir) na Coruña e con esta información decidiu facerse unha rinoplastia con fíos.
image-20260523100328402
Os resultados da devandita intervención non foron do seu agrado, daquela decide enviarlle á directora da clínica unha carta de reclamación.
Ten que tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Expoña as razóns pola que está descontenta coa intervención (pode basearse no anuncio)
Propóñalle á clinica unha solución satisfactoria e as accións que levará a cabo de non ser así.
Número de palabras: mínimo 120 - máximo 150
Ten que tratar todos os puntos da tarefa.
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo no exame.
Non esqueza incluír o formato propio deste tipo de texto.
Asunto: reclamación por rinoplastia insatisfactoria
Prezada señora:
O pasado 20 de febreiro sometinme na súa clínica a unha rinoplastia con fíos a teor do prometido nun anuncio. A campaña publicitaria aseguraba un procedemento sen cirurxía, minimamente invasivo e con resultados inmediatos após 30 minutos de intervención.
Porén, a miña experiencia afastouse das expectativas xeradas. O procedemento, alén de demorar varias horas, produciu efectos adversos — nomeadamente unha rinite padecida durante un mes, como consta no anexo — dos cales non fun advertido. Amais, o resultado, no canto de inmediato, foi tardío (==serodio) e decepcionante pois non é harmonioso e amosa unha asimetría notable.
Por todo isto, tras numerosas e estériles tentativas de contacto nos medios fornecidos, escribo esta carta para solicitar, no prazo de vinte días, unha revisión cirúrxica ou a devolución íntegra do importe aboado. En caso contrario, presentarei reclamación perante Consumo e as autoridades sanitarias competentes.
Fico ao seu dispor para calquera cuestión que for precisa.
Son Citrano de Ninguén, cliente do seu centro de estética. A comezos de ano realicei unha rinoplastia sen fíos após ver o anuncio en Internet.
Póñome en contacto con vostede de novo xa que, se ben a intervención foi realizada no tempo esperado, sufrín diversas complicacións posteriores, tales como irritación cutánea e hemorraxias internas. Do punto de vista do meu médico, estes inconvenientes sufridos non se corresponden cun procedemento que se oferta como minimamente invasivo. Alén disto, os resultados aínda non son visibles, pois non se parecia ningún cambio significativo no nariz.
Por conseguinte, solicito recibir a devolución da totalidade do importe da rinoplastia, xa que as condicións da intervención non foron satisfeitas. Non me gustaría ter que emprender accións legais, pois o trato do persoal foi o mellor de todo o proceso, mais, de non chegarmos a unha avinza nos vindeiros 30 días, non me quedará outra alternativa.
Atentamente,
Citrano
O resumo (As ánimas)
Exemplo 1
A concepción galega da familia ten sido, e aínda é, moi diferente ao concepto actual que separa o mundo dos vivos do dos mortos. A cultura galega estabelece entre estes dous mundos unha relación bidireccional, unha fronteira permeable, que se manifesta en diversas tradicións e celebracións.
A relación coas ánimas
A relación dos humanos coas ánimas presenta unha vertente dupla. Por unha banda, ás ánimas, dada a súa proximidade a Deus e consideración de ser celestial, teñen acontan coa capacidade para axudar os vivos. É por iso que estes apelan a elas na procura de axuda para a solución de problemas terreais.
Por outra banda, os vivos tamén realizan diversas actos para paliar o sufrimento das ánimas para as axudar a saír do Purgatorio. O Día de Defuntos, a Candeloria, ou a Pascua son algunhas das datas con marcado simbolismo para este tipo de ofrendas que chegan a involucrar bolos de pan, espigas de trigo e incluso herdanzas.
A visita das ánimas
No entanto, a intervención das ánimas no mundo dos vivos non sempre é positiva. Cabe a posibilidadede as ánimas se manifestaren para causar os problemas en troques de os solucionar.
A súa aparición pode darse quer de forma directa quer de forma indirecta. De forma directa directo maniféstanse de múltiples xeitos: humana (individual ou grupal), animal (abellas, bolboretas...), ruídos, luces, sombras, pedras e incluso introducirse no corpos de persoas nos chamados "corpos abertos". De forma indirecta maniféstanse provocando desgrazas e accidentes.
Datas liminais: a Noite de Defuntos
Esta transición entre mundos é máis doada en determinados momentos do ano como a Noite BoaNoiteboa, o San Xoán e, especialmente, a Noite de Defuntos. Nesta noite máxica considérase que abren as portas do Alén, permitido o tránsito dos defuntos para o mundo dos vivos. É por iso que os vivos preparan o regreso ao fogar dos familiares defuntos deixando a mesa posta e o lume aceso.
Os magostos
Outra celebración con grande arraigo en Galicia e moi ligada ás ánimas e defuntos son os magostos. De feito, as súas datas de celebración sitúanse por volta do día de Defuntos. As castañas, alén do seu carácter gastronómico, contribúen ao simbolismo do magosto. Deste xeito, considérase que esta festa pode ter orixe na elaboración dunha comida para os mortos comeren. Emborrallar cara coa cinza das castañas para asustar os veciños ou saltar as fogueiras na busca de purificación son outros aspectos que conectan co mundo das mortos.
As ánimas como mensaxeiras de desgrazas
Na cultura galega, as ánimas contan tamén con outra función: a de mensaxeiras das morte. Certos ruídos e sinais nocturnos como anuncio de desgrazas son atribuídos ás ánimas, especialmente á Compaña. Esta procesión nocturna de espíritos encabezada por un vivo anuncia unha morte próxima. O contacto coa Compaña é perigoso, polo que se recomenda fuxir ou refuxiarse.
O perigo dos defuntos
Porén, non só as ánimas representan un risco, tamén os defuntos. Deste xeito, algúns rituais procuraban evitar males maiores no falecemento dunha persoa.
Conclusión
A cultura galega integra a morte como parte natural da vida, axudando a afrontar a perda e dotando de sentido o tránsito cara ao Alén. Na actualidde, o declive do mundo rural pon en perigo estas tradición e está a converter a morte en tabú.
Exemplo 2
Na cultura galega, a vida e a morte preséntanse como unha relación fluída, de interacción entre os vivos e as ánimas. Así pois, as persoas con fe nas ánimas róganlles axuda a estas para mediaren na curación de enfermidades a cambio de axudar aquelas que están no purgatorio. Esta crenza do colectivo nas ánimas deu lugar a tradicións e homenaxes litúrxicas moi presentes na altura popular. Nalgúns casos, aínda perviven na actualidade.
Porén, as ánimas non sempre se mostran como entes bondadosos, senón que poden ter intencións máis escuras. Ademais, poden chegar a presentarse dee múltiples formas neste mundo, ora directamente como individuos, ora indirectamente como desgrazas ou enfermidades.
Un dos días do ano dedicados expresamente ás ánimas do Purgatorio para baixaren á Terra é a Noite dos Defuntos. Deste xeito, en Galicia, non se recollía a mesa nesa data para deixarlles alimento ás almas durante a súa viista. Nesta noite, con séculos de tradición na nosa terra, os nenos e nenas percorrían as casas da contorna pedindo comida, de xeito similar co que se popularizou nos Estados Unidos co Halloween. Alén diso, tamén se adoitaba preparar comida para os defuntos se alimentaren. Estas tradicións aínda seguen presentes a día de hoxe.
Outro festexo típico de Galicia, propio dos meses de outubro e novembro é o magosto, tamén relacionado cos defuntos; tanto é así que en Portugal e Asturias era costume deixar castañas para que as puidesen comer os defuntos. Ademais, o propio froito poderia representar a inmortalidade.
Na Escocia decimonónica celebrábase na véspera do Samaín, unha reunión arredor dunha fogueira na que os alí presentes empregaban as cinzas para se disfrazaren e meteren medo ao resto dos veciños.
A morte adoita avisar antes de aparecer en forma de desgrazas ou sinais. Moitos destes avisos estaban relacionados coas ánimas, en particular cos ruídos que proviñan dos tellados. Máis concretamente, relaciónanse estes últimos coa Compaña, pois estes sons implicarían a inquedanza das almas perante unha situación mala que vai ocorrer. A Compaña, fenómeno cultural galego, é a procesión das almas en pena, encabezada por un vivo seguido por unha recua de ánimas vestidas de branco. Van á procura dos vivos para prexudicar a súa saúde, os cales só se librarán deste padecer tras pasarlle a remuda a outros vivos. Cómpre evitar mirar a Compaña e protexerse dela.
Os defuntos tamén son perigosos xusto antes de morrer. Por este motivo, a cultura tradicional intentaba protexerse do chamado "aire do defunto" ou "sombra do defunto". Protexíanse desde animais até cativos, tomando precaucións.
A morte sempre se vive tradicionalmente como unha posibilidade de vida mellor despois da morte. En definitiva, sempre foi un aspecto importante dentro da sociedade e da cultura galega, mais agora está esvaecendo entre as novas xeracións.
Mediación escrita (medio ambiente)
Exemplo 1
Esta tira cómica mostra unha personaxe a enumerar, perante os diversos colectores do lixo, as indicacións relativas á correcta separación dos residuos. Porén, chegado o momento dos restos orgánicos, nun xiro humorístico, a protagonista fai referencia ao "aproveitamento tradicional" dos residuos en que eran as galiñas as encargadas de reutilizalos.
O autor, desde un punto de vista irónico, exemplifica a través da reciclaxe a separación existente entre os discursos institucionais e os usos cotiás da cidadanía respecto da sustentabilidade. Deste xeito, a viñeta convida a reflexionarmos sobre a eficacia das estratexias comunicativas gobernamentais no eido da sostibilidade.
Exemplo 2
Nesta viñeta móstrase a unha señora do rural enumerando os caldeiros de cores para realizar a correcta reciclaxe dos diferentes residuos do xeito que está estipulado universalmente. Finalmente, indica que un dos baldes é empregado para dar de comer ás galiñas os residuos orgánicos do fogar.
Así pois, deste xeito cómico, ponse de manifesto a histórica tradición en moitos fogares, especialmente do rural, de empregar os refugos da comida como sustento principal dos animais da casa e como, posiblemente sen sabelo, estas persoas estveron todo este tempo contribuíndo a diminuír a pegada ecolóxica e a mellorar a sustentabilidade do planeta.
Mediación escrita (economía e industria)
Vostede viu en X, na conta @SoberaníaAlimentaria, un fío en que se analiza o censo agrario dos anos 2020 e 2009. Aí puido ver esta táboa e a explicación sobre o índice de Gini:
image-20260523101155963
Un dos métodos máis comúns para medir a concentración da terra é o coeficiente de Gini, un indicador aceptado universalmente. Canto máis próximo é a 1 o valor deste coeficiente, maior acaparamento e desigualdade existe nun territorio, é dicir, a posesión da terra recae en menos mans. Un valor próximo a 0, pola contra, indica un repartimento máis equitativo da terra.
Como sabe que a seu pai lle interesa este tema, decide facer un pequeno resumo persoal para poder transmitirlle esta información cando o vexa.
Debe tratar obrigatoriamente os seguintes puntos:
Resuma os datos reflectidos na táboa, centrándose especialmente en Galiza.
Analice as tendencias que o dito gráfico manifesta.
Número de palabras: mínimo 80 - máximo 100
O texto debe respectar o número de palabras indicado.
Conte o número de palabras e anóteo no exame.
Exemplo 1
Os chíos publicados en X por @SoberaniaAlimentaria amosan a evolución do índice Gini agrario, con valores entre 0 (menor acaparamento) e 1 (maior concentración), pormenorizado por comunidade autónoma entre 2009 e 2020.
No conxunto do Estado obsérvanse diferenzas de até catro décimas entre os territorios interiores, máis desiguais, e as illas e comunidades costeiras, máis equitativas. Galiza, (reflexo do weltanschauung minifundista do agro galego,) conserva con 0,424 no 2020 o liderado e a distancia de máis de tres décimas respecto da media estatal (0,748). Porén, sufriu o terceiro maior aumento (8,9 %), o que revela unha tendencia concentradora na propiedade das terras galegas.
Mediación escrita (vivenda)
Exemplo 1
O texto publicado en <temposdixital.gal>de autoría descoñecida, aborda os aspectos negativos do turismo, nomeadamente cando esté é masificado.
Os destinos, quer urbanos, quer rurais, cuxo volume de visitantes supera notablemente a capacidade de os xestionar, ven comprometida a súa habitabilidade para os cidadáns.
Os efectos da turistificación maniféstanse, alén do social, no cultural e no económico. A xentrificación provoca a mudanza dos habitantes por mor da suba de prezos.
As localidades abandonan o seu caracter residencial para se tornaren en simples atracións turísiticas, poñendo en risco a propia supervivencia como destino.
Mediación escrita (saúde)
Vostede traballa no sector sanitario e acaba de atopar esta gráfica en Internet:
image-20260523114946162
Debe elaborar un resumo persoal para expoñelo nunha reunión sindical do hospital, explicando os datos da gráfica e sinalando a súa tendencia. O texto debe ter entre 80 e 100 palabras.
Exemplo 1
Nesta gráfica publicada en Praza, con datos do Sergas, dáse conta da evolución do número de persoas en lista de espera para seren operadas en Galiza entre 2016 e 2021. Polo miúdo, obsérvase que a maior parte das persoas agardan menos de tres meses, aínda que tamén aumentan progresivamente os casos de pacientes que deben esperar máis tempo.
Noutras palabras, ponse de manifesto unha tendencia ascendente das listas de espera, especialmente a partir de 2020.
Alén diso, faise fincapé en que os períodos de espera superiores aos seis meses vense incrementando arestora, o que podería reflectir certas eivas no sistema sanitario.
Mediación escrita (traballo)
Segundo se amosa na enquisa realizada aos traballadores e traballadoras da empresa, só 1 de cada 5 varóns melloraría a súa flexibilidade horaria. Pola contra, a metade das mulleres reflicte a súa insatisfacción nesta sondaxe. A diferenza neste apartado é a máis desproporcionada de todos os resultados, sendo este o punto máis controvertible entre as empregadas.
Porén, no tocante ao salario e ás instalacións da empresa ambos os sexos conflúen: por unha banda, a metade dos asalariados están descontentos coa súa retribución e, por outra banda, 3 de cada 4 traballadoras mostran a súa satisfacción coas instalacións.